Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acolle a IV Copa Noroeste de quidditch, o deporte “máxico” das novelas de Harry Potter

O campo de fútbol de Lourido acollerá este domingo dende as 9:00 horas a IV Copa Noroeste de quidditch, o deporte “máxico” que practicaban os protagonistas das novelas de Harry Potter e que se trasladou á realidade no 2005 en EEUU. O Concello de Nigrán colabora co club Dinosaur’s Army QT para organizar este campionato oficial previo ao inicio de liga en Nigrán. En total, cinco equipos de toda Galicia (Dementores de A Coruña, Lumos Compostela, Lucus Centauri, Pontevedra QC e Dinosaur’s Army QT de Vigo) disputarán este torneo veterano de toda a península. Cómpre destacar que a comunidade galega, con 110 xogadores, é pioneira en toda España e Portugal na práctica do quidditch e que o noroeste peninsular é a primeira rexión na que se acadaron equipos suficientes para poder contar dende 2015 cunha liga estable (España conta con 380 xogadores).

O quidditch xógase nun campo de herba coas dimensións similares ás do hockey e é unha mestura de rugby, balonmán e balón prisioneiro. Hai 5 pelotas diferentes no campo e sete xogadores por equipo subidos a cadansúa escoba. O quidditch é ademais o único deporte cunha regra de xénero (non pode haber 4 persoas por equipo que se identifiquen co mesmo xénero, o xénero co que se identifique un xogador é o considerado para este límite, independentemente do seu sexo físico). Con esta norma, o quidditch é un dos deportes pioneiros en canto a igualdade para as mulleres e a comunidade LGTBI.

“O equipo de Vigo Dinosaurs Army fíxonos a proposta para xogar o torneo no campo de Lourido e dende o Concello de Nigrán aceptamos encantados porque é unha oportunidade magnífica de coñecer de preto este deporte tan curioso e, ao mesmo tempo, apoiar aos que xa o practican”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.

Anuncios