Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide propón que os cambios que se introduzan no PXOM sexan consensuados

Nigrán Decide presentou unha moción para que todos os cambios que se introduzan no PXOM aprobado inicialmente sexan realizados por consenso ou, en todo caso, mediante votación dos grupos municipais tal como sucedera, no seu día, para a eliminación do viario de Porto do Molle (A Xunqueira-Saiáns), que se realizou por acordo plenario.

“Non se pode falar de consenso se os cambios que están sendo introducidos no PXOM aprobado inicialmente non se acordan cos grupos municipais antes, pois, cando menos, co grupo municipal de Nigrán Decide non se acordou nada. Esta actitude do goberno pode supoñer un atranco para a aprobación do PXOM, pois introducir cambios unilateralmente, pode levar consigo que a corporación, finalmente, non o aprobe”, sinala José Cuevas.

Con esta moción, o grupo municipal pretende que todos os cambios que se introduzan no PXOM sexan avalados previamente pola corporación, ben directamente ou a través da Xunta de Voceiros, para non ter que volver atrás na tramitación do PXOM pola falta de consenso do goberno municipal.

“Este goberno fachendea de transparencia e tramitación transparente, pero a practica pouco”, sinala Cuevas, para continuar indicando que “o goberno municipal non lle facilita a documentación do PXOM. Concretamente o grupo municipal de Nigrán Decide solicitou o pasado 6 de setembro copia do PXOM entregado polo equipo redactor para enviar a Patrimonio Cultural para que sexa informado, polo que ao non ter resposta presentamos unha queixa no Valedor do Pobo”.

Anuncios