Anuncios
Ticker de novas

O comunicado de Serviocio non convence aos usuarios da piscina, que convocan unha nova concentración

En resposta ao comunicado do Grupo Serviocio-Be One do 17 de setembro de 2018, a Plataforma de Usuarios da Piscina Mancomunada do Val Miñor desexa aclarar o seguinte.

Como vostedes recoñecen, a instalación abriu o día 1 sen contar co equipamento da sala de fitness nin da sala de ciclo, cando o Prego de prescricións técnicas de setembro de 2017 require que o equipamento e maquinaria estea instalado no prazo de tres meses, a contar desde a data de acta de entrega das instalacións, que se asinou o pasado 30 de abril. O que non explican é por que non abriron coa maquinaria que tiñan á espera de que chegasen os novos equipos.

Desexamos lembrar que a prestación manifestamente defectuosa ou irregular, ou a falta de prestación da totalidade ou parte dos servizos contratados supoñen unha infracción moi grave conforme ao contrato vixente entre o Grupo Serviocio-Be One e a Mancomunidade.

Con relación á súa desagregación de investimentos e sen poder verificar as mencionadas facturas, queremos destacar que se trata de investimentos que lles esixía o contrato, e a partida de maior tamaño, a das máquinas, é e seguirá sendo da súa propiedade, así que consideramos que é máis fiel á verdade dicir que é un investimento do Grupo Serviocio-Be One en beneficio propio.

O resto de gastos que vostedes detallan forman parte dos gastos correntes de mantemento dunha instalación que levan xestionando desde que abriu as súas portas e, tal como detállase no prego aprobado o 13 de novembro de 2000 “corresponderá por conta exclusiva da empresa adxudicataria todos os gastos relativos á conservación, reparación, mantemento e limpeza”, “o servizo de mantemento integral da totalidade dos equipos e instalacións obxecto deste contrato serán por conta do adxudicatario” o cal “comprende o mantemento predictivo e de conservación, preventivo e de optimización, técnico legal e correctivo”, entre elas “as obras de repaso de pintura”, polo que entendemos que tiveron que gastalo agora porque non o gastaron antes.

Ademais, gustaríanos saber atendendo a que criterio suspendéronse actividades moi demandadas como zumba, sen esquecer outras como GAP, stretching e andaina.

Con relación ao incumprimento das normas hixiénico-sanitarias, quixésemos saber se:

1. Os mofos de teitos, óxidos de portas e bancos, puntas en madeiros da sauna, entre outros, pasan os pertinentes controis para unha instalación deste tipo.
2. Se se cumpre a normativa con relación á limpeza e o mantemento do sistema de aire acondicionado.
3. Que nos confirmen se nos anos 2015 e 2016 baleirouse por completo e limpouse a piscina tal como establece a normativa correspondente.

Nova concentración

Tras a celebrada o venres no Concello de Gondomar, a Plataforma de Usuarios convoca unha nova concentración este xoves 20 de setembro ás 20:00 horas na Piscina Mancomunada da Ramallosa, para reclamar a devolución íntegra da cota de setembro, incluídos recargas, que se poña ao día o mantemento da instalación, a reposición das actividades suspendidas e monitores e a suspensión da concesión a Serviocio para que entre outra empresa. Ao finalizar a concentración, informarase sobre o establecemento da plataforma de afectados e como adherirse.

Anuncios