O Concello de Nigrán está a xestionar coas diferentes teleoperadoras a implantación de fibra óptica nas zonas con peor cobertura de internet co obxectivo de que a finais de 2019 sexa unha realidade en todo o municipio. Actualmente, froito desa colaboración, estanse a realizar obras de instalación en Prado e Rúa Torreiro (Priegue), Cabreira e Camiño das Presas (San Pedro) e Barrio do Rial e Paraviñabal (Panxón), o que significa que nos vindeiros meses chegará a 450 novos fogares que actualmente teñen conexión moi deficitaria. A maiores, o Concello agarda que o seguinte núcleo con fibra sexa Camos a través da rúa San Roque, xa que nas obras de humanización foi dotada de canalización subterránea, punto que xa está sendo analizado por varios operadores.
“Estamos a traballar coas teleoperadoras co obxectivo priorizar os núcleos do municipio con peor cobertura, no caso de Nigrán é urxente que chegue ao interior, onde a conexión é en moitos casos pésima”, indica Diego Moreira, edil de Urbanismo.
Neste sentido, dende o Concello recálcase que no último concurso público estatal de telecomunicacións para dotar de rede de banda o territorio, a operadora Teléfonica foi a adxudicataria para dar cobertura a 26 barrios de Nigrán antes de finais do 2019 ( A Tarela, Telleiras, Bouzavella, Gaifar, Madorra, Paraviñabal, Patos, Porqueira, Xermaña, Con, Abetos, Albores-Grande, Rouxo, Sanromán, Cabreira, Cotros, Golada, Mallón, Praia América, Tomadas, Vilariño de Abaixo, Viso, Xesteira, Area, Monte Lourido).
Haberá outra liña de subvencións a nivel autonómico este ano, e dende o Concello xa se están mantendo reunións de traballo coas empresas operadoras para intentar chegar as zonas que aínda quedan sen fibra.
“Temos a obriga de rachar coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet supón o cordón umbilical do progreso e as parroquias do interior de Nigrán teñen que estar subidas a ese tren”, indica o alcalde, Juan González.
A fibra óptica é un fino fío de vidro ou silicio fundido que conduce a luz. Permite a transmisión dos datos de forma moi rápida porque se fai a través de impulsos de luz e é moi estable porque non se ve afectada por interferencias. A fibra óptica permite conectar simultaneamente varios dispositivos a Internet sen que haxa percepción de perda de velocidade. Ademais, permite utilizar sistemas de emisión e recepción de vídeo e voz con alta calidade de son e imaxe e permite ver televisión de alta definición (HD) por Internet. A velocidade máxima que pode contratarse en ADSL é de ao redor de 30 Mb. mentres en fibra óptica comercialízanse velocidades de ata 300 Mb.

