Anuncios
Ticker de novas

A Xunta instalará unha báscula no caixeiro Ticpesc do porto de Baiona

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe que a Xunta prevé instalar 21 básculas nos terminais Ticpesc de distintos portos do litoral de Galicia. O obxectivo, explicou, é aportar funcionalidade e axilidade a estes caixeiros, permitindo que os profesionais do mar poidan pesar os produtos da pesca e do marisqueo no mesmo momento no que se realiza o desembarque das capturas, ademais de emitir documentos relacionados coa súa actividade.

Así o destacou durante a visita realizada esta mañá ao terminal Ticpesc instalado na lonxa de Portonovo, un dos dous terminais que conta con este sistema de pesaxe, que foi instalado a modo de proba no caixeiro desta lonxa e no de Bueu, co fin de avaliar o seu funcionamento e a posibilidade da súa extensión ao resto da rede.

Alí tamén detallou que das 21 básculas que se prevén instalar, 18 son para caixeiros que están en funcionamento nos portos de Fisterra, Ferrol, Portosín, Camariñas, Baiona, Laxe, San Cibrao, Malpica, O Vicedo, Combarro, Aguiño, O Barqueiro, Mugardos, Canido, Santa Cristina de Cobres, Foz, Espasante e Rianxo. Outras tres para caixeiros que está previsto instalar e que son Corme, Muxía e Corrubedo.

Durante a visita, Rosa Quintana puxo de relevo a utilidade destes caixeiros, xa que permiten ao sector o acceso á administración electrónica para que non teñan que desprazarse ás oficinas da Xunta para realizar as xestións correspondentes da súa actividade diaria.

Neste sentido, expuxo que a Xunta tamén ten previsto instalar nove caixeiros Ticpesc máis nos peiraos galegos, que se sumarán aos 58 xa existentes. Os portos nos que se instalarán son Muxía, Corme, Corrubedo, Raxó, Tragove, Lourizán, Barizo, Camelle e Oza. Ademais, avanzou que se mellorará e actualizará o software de 30 dos caixeiros xa instalados, coa finalidade de mellorar a súa operatividade.

Esta é unha mostra, indicou Rosa Quintana, da aposta da Xunta por impulsar a mellora na trazabilidade dos produtos pesqueiros, é dicir, a identificación da súa historia desde a captura ata que chega ao consumidor. Deste xeito, subliñou, buscamos seguir impulsando esta rede de terminais para que os profesionais do mar estean atendidos as 24 horas do día dos 365 días do ano sen depender dos horarios das oficinas das confrarías, das lonxas ou doutras entidades. De feito, engadiu a titular de Mar, o ano pasado emitíronse nestes caixeiros preto de 66.800 documentos e no que levamos de ano preto de 44.500.

Entre os documentos que pode obter o sector a través destes caixeiros, están os de transporte, que amparan este proceso desde o porto de descarga ata a lonxa, se esta se atopa nun lugar distinto ao de descarga. Tamén os documentos de alternancia de artes, para declarar a arte despachada polo buque para o exercicio da actividade pesqueira. Ademais, nos terminais tamén se emiten documentos de orixe, para declarar o establecemento no que se van desenvolver as tarefas de recolección, así como para verificar a súa situación sanitaria. Outros documentos que se obteñen nos Ticpesc son os de rexistro para trasladar os moluscos bivalvos desde o porto onde se realiza a descarga ata a depuradora, o centro de expedición ou a industria de transformación.

A maiores, Rosa Quintana destacou a incorporación de usuarios desta ferramenta, que pasaron dos preto de 500 no 2010, ano no que empezaron a funcionar, aos preto de 4.000 do ano 2017.

Descrición dos terminais

Os terminais instalados son uns dispositivos que poden ser de estrutura encastrable ou de tipo totem, situados no exterior. No seu interior levan un equipo informático de última xeración e deseñado exclusivamente para tal fin, monitor tátil de 17”, teclado de aceiro e rato tipo trackball, elementos de accesibilidade aos menús das aplicacións informáticas e sistema de lectura de tarxetas de recoñecemento dos usuarios. Todos estes sistemas están dotados de elementos que permiten a comunicación on-line a través das redes de comunicación existentes (ADSL, redes dixitais inalámbricas ou outros sistemas).

A accesibilidade ás aplicacións pode ser mediante o emprego do DNI-electrónico, pero para aqueles usuarios que non dispoñan desta acreditación, a Consellería do Mar facilitaralles unhas tarxetas electrónicas específicas.

Anuncios