Anuncios
Ticker de novas

O goberno de Nigrán mostrará o novo documento do PXOM ás entidades veciñais

O equipo redactor do PXOM de Nigrán entregou por rexistro o documento de aprobación inicial co catálogo de bens totalmente actualizado (o informe desfavorable da Dirección Xeral indicaba a necesidade de revisar todos os bens documentados). Deste xeito, o estudo de prospección arqueolóxica levado a cabo por “Desenrolo e Obras de Arqueoloxía S.C.” e o da propia empresa redactora elevan de 235 a 597 os elementos catalogados (pezas de interese arqueolóxico ou arquitectónico e etnográfico), destacando a protección do Camiño Portugués pola costa ou os hórreos, antes practicamente sen incluír no documento.

“A recepción de toda a documentación de cesión de Eptisa a Alfonso Botana S.L. fai posible que poidamos seguir adiante co PXOM, cuxa aprobación é unha prioridade para este goberno”, indica González.

O novo documento recibido na última semana de agosto por rexistro de entrada foi enviado á Dirección Xeral de Patrimonio, onde dispoñen dun prazo máximo de 3 meses para informar (pasado este tempo sen obter contestación se entende que a resolución é favorable). “Eses meses de impass serán os que aproveitemos para informar polo miúdo en cada parroquia aos veciños do documento”, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que as contestacións provisionais ás alegacións están a disposición dos veciños dende o mes de abril no departamento de Urbanismo.

“Buscamos a máxima transparencia e consenso para acadar o obxectivo final, que non é outro que aprobar un PXOM no que todos os actores esteamos de acordo que é o mellor documento posible”, sinala.
A proposta de asembleas parroquiais remitida ás entidades veciñais comezaría o xoves 20 de setembro en Parada, o venres 21 en Camos, o sábado 22 en Chandebrito, o domingo 23 en San Pedro, o venres 28 en Panxón, sábado 29 en Priegue e para rematar o domingo 30 en Nigrán.

Unha vez obtida a resposta de Patrimonio o documento será enviado á Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Portos do Estado e Medio Ambiente. “A previsión é ter todos os informes favorables en decembro e que xa no primeiro semestre de 2019 se poida presentar o documento á Aprobación Provisional do Pleno”, resume Alfonso Botana.

Anuncios