O BNG axudou a tramitar máis de 60 queixas pola falta de pediatra substituto en Baiona

O BNG dispuxo o pasado mércores dunha mesa informativa diante do Centro de Saúde de Baiona pola falta de pediatra substituto desde o 1 ao 15 de setembro. Ata a mesa achegáronse centos de persoas que amosaron o seu descontento e preocupación polo desleixo, tanto da Consellería de Sanidade dirixida polo ex alcalde Vázquez Almuiña, coma polo actual goberno municipal co seu alcalde, Ángel Rodal, á cabeza. “A vaga escusa da non existencia de substitutos e o cómplice silencio do Alcalde amosan unha grave despreocupación e unha incapacidade de xestión ante un problema que atinxe as/os nosas/os cativas/os”, di Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG no Concello de Baiona.

Na xornada recolléronse máis de 60 reclamacións que xa foron presentadas formalmente. “Dende o BNG consideramos un éxito e unha demostración de que aos baioneses preocúpanos, e moito, o funcionamento do Centro de saúde ante esta inxustiza”, apunta Iago Pereira. “Agradecemos profundamente a participación da xente e acollida que tivemos co único desexo de que o servizo de pediatría de Baiona non fique abandonado”, conclúe o Portavoz do BNG.