Anuncios
Ticker de novas

Nigrán forma a unha traballadora social de Mozambique

O Concello de Nigrán recibe durante toda esta semana a Elsa Dimande, traballadora social da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANNAM) e que acude o mes de setembro a Galicia a través do programa “Vacacións con Traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside Juan González, alcalde de Nigrán. Durante a estancia na nosa comunidade intercambiará coñecementos da súa área con persoal do Concello de Nigrán (antes visitou o Concello de Ames e tamén irá a Rianxo) co obxectivo final de reforzar as capacidades dos municipios do Sur, sensibilizar sobre a súa difícil situación e visibilizar as súas potencialidades.

Acompañada de persoal do Centro de Información á Muller do Concello de Nigrán e do propio rexedor, Dimande coñeceu onte a Fundación Menela en Priegue e mantivo encontros con entidades feministas e de diversidade sexual, ademais de reunirse cos funcionarios do Concello responsables das áreas sociais. Nos vindeiros días (ata o sábado) visitará a Escola Infantil A Galiña Azul de Nigrán, o CEIP Humberto Juanes, o IES Val Miñor ou, en Vigo, o Centro de Emerxencia Social.

“A igualdade de xénero, o traballo social con nenas e nenos, o urbanismo para o benestar da infancia ou o asociacionismo feminista son os temas que máis me interesa coñecer de preto”, explica Elsa Dimande. De feito, a partir destas Vacacións con Traballo en Galicia, a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique agarda fortalecer logo aos concellos do país lusófono para que implementen os seus propios plans de igualdade e teñan en conta ás mulleres e a xente nova no proceso de gobernación municipal.

“Para o Concello de Nigrán é unha honra recibir a Elsa Dimande e amosarlle de preto tanto o noso traballo como o de diferentes entidades. Precisamente, co obxectivo de que a súa estadía sexa o máis frutífera posible, deseñamos unha axenda moi completa, chea de visitas e encontros”, explica o alcalde, quen visitou Mozambique no mes de xuño para coñecer de preto os proxectos do Fondo neste país.

Un dos países máis empobrecidos

Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos municipios e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que canaliza así as inquedanzas dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto.

Desde o ano 2001, o Fondo Galego ten apoiado en Mozambique unha decena de proxectos que supuxeron uns 300.000 euros de investimento. Na súa maioría, leváronse a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD). Ademais, nos últimos anos iniciou unha liña de traballo coa ANAMM, mesmo de xeito directo con algúns concellos. As liñas estratéxicas do Fondo Galego apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Anuncios