Sin categoría

Xavier Rodríguez encabezará a candidatura do BNG en Nigrán

Nun acto celebrado esta fin de semana no local da A.V.V. A Unión de San Pedro, en A Ramallosa, o BNG de Nigrán presentou ante un grupo de militantes e simpatizantes ao seu candidato á alcaldía, Xavier Rodríguez, actual portavoz municipal da formación. O candidato é ademais membro da Xunta da Mancomunidade do Val Miñor, organismo no que tivo un destacado papel, entre outros temas, na defensa da necesidade dun convenio que mellorase a dotación e condicións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, máis tras a vaga de lumes que asolou o Val o ano pasado.

Xavier Rodríguez, traballador do vigués Museo Municipal “Quiñones de León”, é tamén, a nivel orgánico, o coordinador de Política Institucional do BNG na Comarca de Vigo e membro do seu Consello Comarcal de forma ininterrompida durante os últimos 15 anos. No acto de presentación, e ao fío da última polémica que ten sacudido o Val Miñor, o candidato manifestou querer un goberno “máis preocupado polos servizos públicos e a súa eficiencia e menos polas fotos”.

Tampouco eludiu a controversia que se está xerando en varios puntos de Nigrán ao respecto da proliferación de concertos e novos festivais, máis ou menos todos do mesmo tipo de música, ao sinalar que “desexamos que Nigrán sexa un lugar para vivir, e non só un lugar para desfrutar”. Finalmente Xavier Rodríguez expresou que “Empezaremos un traballo de contacto coas asociacións e colectivos veciñais para escoitar as súas demandas, pero tamén para trasladarlles as nosas ideas e contrastar como as perciben”.

Con esta presentación o BNG de Nigrán inicia o camiño para conseguir un concello máis preocupado pola xente, polos servizos que presta, pola cultura e polo benestar dos seus veciños. É o comezo dunha carreira cara as eleccións locais do ano que vén que a agrupación local afronta cunha grande ilusión e boas expectativas.