Sin categoría

A empresa inclusiva do Centro Juan María asume a limpeza dos viarios de Porto do Molle

O Concello de Nigrán subscribiu un novo contrato coa empresa Juan María Empleo SL para a limpeza de viarios do parque empresarial de Porto do Molle, cun orzamento de 13.200 euros (IVE non incluído).

Desde o vindeiro luns, día 10 de setembro, Manuel Rodríguez, Santiago de Clemente, Cristian Fernández e Benjamín Carrera, traballarán 15 horas á semana de luns a venres ata o 31 de decembro coordinados por un encargado, Nacho Rodríguez, e co apoio da psicóloga Vanesa Gómez para as tarefas de axustes sociais e persoais.

O equipo de traballo estará composto por un ou dous traballadores en xornada diaria de 3 ou 4 horas, todos os días laborais excepto cando o impidan as condicións atmosféricas. Realizarán a limpeza de beirarrúas e aparcadoiros do parque empresarial de Porto do Molle e supervisarán e comunicarán ao Concello de Nigrán os danos observados nas beirarrúas, estradas e leiras da mesma zona.

Juan María Empleo SL é un centro especial de emprego que foi creado en setembro de 2014 pola Asociación La Esperanza del Valle Miñor, titular do Centro Juan María, con obxecto principal da formación e integración laboral das persoas con discapacidade. Para a consecución destes fins desenvolvería as súas actividades creando un valor económico e social sustentable en actividades produtivas como limpeza xeral de edificios, xardinería e calquera outra oportunidade que lles ofrecese o mercado laboral.

A empresa Juan María Empleo SL, máis aló de buscar unha rendibilidade económica, busca desenvolver accións que garantan a súa viabilidade e sustentabilidade económica, dando á súa vez o cumprimento do seu obxectivo social de forma crecente da inserción laboral das persoas con discapacidade.