Anuncios
Ticker de novas

Surf á luz da lúa na Praia de Patos

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Os Patos surfean de noite.

A quinta edición de “Os Patos surfean de noite” congregou este mércores a centos de persoas na Praia de Patos, en Nigrán, un evento organizado por Patos Surf Club, o Concello de Nigrán, a Federación Galega de Surf e a Deputación de Pontevedra para pechar o verán no Val Miñor que mestura deporte, espectáculo e música en directo a partes iguais. Os surfeiros bótanse á auga para surfear ao luar, unha actividade única en España. Ademais este ano a festa foi unha homenaxe á única táboa de luces LEDS que se salvou do incendio da factoría que as fabricou (OLATU) e que terminou con toda a súa produción de táboas.

Os asistentes recibiron a noite cunha sesión de ioga e outra de zumba, da man de Alberto Rodríguez e Nuria Mendes respectivamente. Un espectáculo de lume do malabarista João Alvim de Asacocirco deu paso logo á actuación musical do grupo vigués King of the Beach, formado por Adrián Rodríguez (guitarra, voz), Yago Guirado (baixo, voz) e Samuel Otero (batería), cun son fresco e unhas letras que falan de noites intensas, praias, surf e moita diversión, bebendo do punk rock e o garaxe con cadencia lo-fi, todo iso aderezado con ritmos de praia, rapidez e salvaxismo.

Tras o concerto chegou a alma da festa, a exhibición de surf nocturno, levada a cabo polo equipo da escola Patos Surf e capitaneada por Borja Malvar, un dos mellores surfeiros das Rías Baixas. Os surfeiros saíron ataviados con luces fluorescentes nas súas táboas e traxes e foron os encargados de entrar na auga e coller as primeiras ondas da noite pechada de Nigrán. A táboa de luces LED foi a auténtica protagonista, cunha historia detrás moi triste pero con final feliz. Hai dous anos o maior taller de táboas de Europa, OLATU, ardeu en chamas e con el todas as táboas de surf que tiñan, incluídas as de luces LEDS. Pero sempre nas desgrazas ocorren pequenos milagres, e entre os cascallos apareceu a máis pequena das táboas LEDS case intacta entre amasillos de ferro.

Finalmente, Duarte Cabral, Xoel Pérez, Christian Ferreira, Javier Vieites e Hugo Dávila, todos eles de entre 19 e 22 anos, asombraron ao público cunha exhibición de Tricking. Xiros no aire e complexos saltos mortais que chegan a enlazar uns con outros, colocando un balón enterrado na area a modo de trampolín para facer as súas voadas imposibles, antes de pechar o festival coa música do DJ Roberto Pérez, locutor do programa “The House Club” en Single Radio. Tamén houbo mercadillo surfeiro e proxección de películas sobre a historia do surf en Galicia, vídeos de viaxes surfeiros e tamén do equipo de surf do club no seu periplo competitivo por Galicia e Portugal.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios