O Festival do Rei Sol volve á Costa dos Castros de Oia do 14 ao 16 de setembro

O Festival do Rei Sol volve por terceiro ano consecutivo á Costa dos Castros de Oia co obxectivo de revalorizar o patrimonio cultural deste territorio, especialmente o seu rico legado inmaterial. A cita cultural se celebrará entre o 14 e o 16 de setembro e incluirá actividades gratuítas pensadas para o desfrute de todos os públicos.

Visitas guiadas, obradoiros infantís, relatorios e espectáculos das artes escénicas compoñen a programación deste ano, que achegará as súas propostas a diversos puntos do municipio.

Así, a programación do Festival do Rei Sol 2018 abrirase o venres 14 de setembro cunha dobre actividade dedicada ao oficio tradicional da telleira. Ese día desenvolverase un obradoiro infantil de traballos manuais para confeccionar as tellas do Rei Sol e, a continuación, terá lugar unha charla sobre a telleira en Oia a cargo de Pepe “Buraco”. A xornada inaugural rematará cunha función de teatro.

Actos no Cano dos Mouros

Os actos principais do festival desenvolveranse ao longo da tarde do sábado 15 de setembro no castro do Cano dos Mouros (Viladesuso), onde haberá unha visita guiada e o grupo veciñal O Mellor de Cada Casa representará unha obra de teatro ambientada no mundo galaico.

A continuación se desenvolverá o espectáculo de narración oral titulado O eco das pedras, a cargo da artista Raquel Queizás, e unha contemplación do solpor amenizada polo grupo de música tradicional A Fiada de Viladesuso porá o broche final á xornada festiva.

Ademais, o sábado e domingo pola mañá haberá visitas guiadas especiais ao Arrabal (entorno do Mosteiro de Oia). A través destes itinerarios, que estarán guiados por unha personaxe do século XVIII, descubriremos este barrio histórico a través das súas historias e lendas. As visitas comezarán ás 12.30h. e o punto de encontro será a Oficina de Turismo de Oia.

Patrimonio inmaterial

O Festival do Rei Sol leva o nome do protagonista dunha lenda local asociada ao castro do Cano dos Mouros. Aproveitando esta circunstancia, con esta cita cultural preténdese revalorizar o patrimonio local –especialmente o inmaterial–, concienciar sobre a necesidade de preservalo para as futuras xeracións e festexar a convivencia entre veciñanza e persoas que visitan o municipio.

A actividade, organizada pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, desenvólvese coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua), e de diversos colectivos locais, como son a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación de Veciños de Viladesuso.

VENRES 14 DE SETEMBRO

ACTOS NA CASA CULTURAL DE PEDORNES:
-17.00h. Obradoiro infantil “Pequenos Cabaqueiros. As tellas do Rei Sol” (traballos manuais con pasta de modelar)
Recomendado para peques entre os 5 e os 10 anos. Prazas limitadas.
Información e inscricións no teléfono. 689 35 57 13
-19.00h. Charla de Pepe “Buraco” sobre a telleira en Oia

ACTOS NA CASA CULTURAL DE MOUGÁS:
-20.30h. Teatro. Fulano, Mengano e Citano: O que hai que ver (Cultura no Camiño)

SÁBADO 15 DE SETEMBRO

-12.30 h. Visita guiada especial: Historias e lendas do Arrabal
(Saída da Oficina de Turismo de Oia)

FESTA NO CANO DOS MOUROS (VILADESUSO)*
*(En caso de chuvia os actos trasladaranse á Cultural de Viladesuso)
-18.00h. Visita guiada polo castro de Cano dos Mouros
-18.30h. Teatro veciñal a cargo do grupo O Mellor de Cada Casa (Viladesuso)
-19.30h. Espectáculo familiar de narración oral «O eco das pedras», de Raquel Queizás
-Contemplación do solpor amenizada pola Fiada de Viladesuso

DOMINGO 16 DE SETEMBRO

-12.30 h. Visita guiada especial: Historias e lendas do Arrabal
(Saída da Oficina de Turismo de Oia)
-Exposición de fotografías sobre a telleira na Oficina de Turismo de Oia