Anuncios
Ticker de novas

O Trofeo Príncipe de Asturias enfila a súa recta final con todo aínda por decidir

FOTO: LALO R. VILLAR // Os grandes barcos puideron disputarse este sábado as primeiras probas da competición.

A trixésimo terceira edición do Trofeo Príncipe de Asturias enfila xa a súa recta final tras a celebración, este sábado, da segunda das tres xornadas en competición. Faio coas marcadoras moi axustadas e os podios de gañadores aínda sen definir, a espera do que suceda na etapa final do domingo.

Os grandes veleiros, das clases Martin Miller ORC 0-1, Aceites Abril ORC 2 e Gadis ORC 3, aos que o escaso vento deixou o venres sen competición, puideron disputarse tres probas enfronte ás Illas Cíes. Os barcos que partían como favoritos foron marcando o seu terreo con dificultades, xa que as probas estiveron moi rifadas e as chegadas moi axustadas.

Tamén estrearon marcadora as embarcacións das clases Storax Clásicos, Comunica Open e Volvo Autesa ORC 4, aínda que o vento xogoulles unha mala pasada e a encalmada que sufriron ao pouco de tomar a saída, fixo que moitos decidisen abandonar ou non completasen a proba no tempo límite.

Entre eles regateou o barco AXA Seguros, un veleiro 100% inclusivo cunha tripulación formada por alumnos do Centro Juan María de Nigrán con diferentes discapacidades intelectuais, acompañados de varios adestradores especializados. A bordo dun Beneteau Oceanis 31 cedido polo Monte Real Club de Yates, o AXA Seguros, que conta tamén coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, navegou dentro da clase Open.

Na competición dos monotipos J80 e a ¡HOLA! Ladies Cup, moi complicada polo vento, producíronse envorcos na clasificación e, en ambos os dous casos, os veleiros que viñan líderes intercambiáronse o posto cos segundos clasificados.

Así as cousas, o deseño dos podios provisionais segue aínda demasiado aberto como para apuntar claros favoritos a levar o trofeo, e todo dependerá do que suceda nas últimas regatas en disputa, que se celebrarán o domingo a partir do mediodía.

Gran estrea da clase MARTIN MILLER ORC 0-1

O Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal estreou este sábado a marcadora da clase Martin Miller ORC 0-1 cun segundo, un cuarto e un primeiro posto nas tres probas disputadas que lle permitiron colocarse na cabeza da clasificación. A apenas un punto de separación séguelle o seu compañeiro do náutico de Vigo e un dos seus rivais máis directos na competición, o Pairo 8 de José Luis Freire, patroneado polo mozo Luis Bugallo. A terceira posición provisional é para os portugueses do Delmar Conde.

Inosa manda na clase ACEITES ABRIL ORC 2

O Inosa de Marina Sada, liderado por Fran Edreira, foi o veleiro que mellores resultados obtivo na clase Aceites Abril ORC 2, e leva o ouro provisional no peto, pero a clasificación está tan apertada que todo segue aínda moi aberto. O Bosch Service Solutions de Ramón Ojea (Club Marítimo de Canido) mantense á espreita desde o segundo posto, a só un punto do líder; e cun punto menos vai terceiro o Grupo Santorum & Martínez, de Javier Durán, do Club Náutico de Riveira.

O Bunda colocouse primeiro na clase GADIS ORC 3

A tripulación coruñesa do Bunda, con Jacobo Solorzano aos mandos, foi a clara vencedora da xornada na clase Gadis ORC 3. Tres vitorias nas tres probas disputadas e tres puntos que o achegan á vitoria final. Con 6 puntos o Plano B de Nuno Rivas vai segundo e algo máis abaixo, con 11, sitúase o Unus de Luis García Trigo, do Monte Real Club de Yates.

Travesío e Balea Dous encabezan a clase VOLVO AUTESA ORC 4

O Travesío La Riviere Conservas e o Balea Dous son os máis claros aspirantes ao podio da clase Volvo Autesa ORC 4, ao ser os únicos barcos que este sábado puideron puntuar na segunda xornada de competición do Príncipe. As embarcacións de Vilagarcía e Rodeira, patroneadas por Pablo de la Riva e Luis Pérez, van primeira e segunda respectivamente e entre elas estará, case con toda probabilidade, o gañador do Príncipe deste 2018.

O Escuela del Náutico vai líder na clase COMUNICA OPEN

A clase Comunica Open pecha a súa primeira xornada de competición con dous barcos na cabeza e o resto da frota sen puntos, tras abandonar a competición por falta de vento ou non poder completala no tempo límite establecido polo comité. O Escuela del Náutico, do Real Club Náutico de Vigo, patroneado por Bernal Xian Figueiras, foi o primeiro en completar as 13 millas e media de percorrido. Dez minutos despois cruzaba a chegada o Moucho do riveirense Daniel Ayaso, que vai segundo na clasificación.

Todo por decidir na clase STORAX CLÁSICOS

O vento foi o peor dos rivais para os veleiros da clase Storax Clásicos, xa que non soprou coa suficiente intensidade para permitirlles acabar a que era a súa primeira proba neste Trofeo Príncipe de Asturias. Todo pendente aínda, por tanto, nunha clase que o domingo sairá á auga xusto como empezou, sen un claro favorito e sen podio provisional definido.

O Marías escala posicións na clase SOLVENTIS J80

O Marías-Casas do Telhado de Manuel María Cunha e o Okofen de Javier de la Gándara, ambos os dous do Monte Real Club de Yates, están a ser os protagonistas indiscutibles da competición dos monotipos na clase Solventis J80. Na xornada de hoxe, moi complicada por un vento moi rolón, que ademais aparecía e desaparecía por momentos, alternáronse os primeiros postos nas dúas probas disputadas. Colocáronse no máis alto da clasificación separados apenas por un punto entre si, e a 4 e 5 puntos de distancia do seu rival máis directo, o Cansino de Fernando Yáñez, tamén do Monte Real, que vai terceiro.

Envorco na ¡HOLA! LADIES CUP

Na ¡HOLA! Ladies Cup, as portuguesas do BB Douro We Do Sailing, a bordo do HOLA.COM, asaltaron o liderado arrebatándolles a primeira posición ás santanderinas do HOLA FASHION. As defensoras do título, con Marta Ramada á cabeza, non deron tregua aos seus rivais e cruzaron a liña de chegada en primeira posición nas dúas probas disputadas. O equipo do Real Club Náutico de Santander caeu ao segundo caixón do podio provisional e as mozas do Real Club Marítimo de Abra – Real Sporting Club, patroneadas por Lourdes Bilbao, van terceiras.

O domingo báixase o pano

O 33º Trofeo Príncipe de Asturias baixa o pano o domingo coa celebración das últimas probas da competición e a entrega de premios aos gañadores. Se se cumpren os partes meteorolóxicos, o vento volverá facer acto de presenza nas Rías Baixas, aínda que algo máis tarde do previsto, o que podería atrasar a hora de inicio das probas, programadas para as doce do mediodía. Sexa como for, o domingo coñecerase o nome dos novos gañadores do Trofeo Príncipe de Asturias, a gran cita coa vela en Galicia. Ademais de outorgar trofeos aos tres primeiros gañadores de cada categoría, entregarase o Trofeo Conde de Barcelona ao mellor barco portugués, o premio especial Mary Woodward ao mellor barco da clase Solventis J80 e os premios da ¡HOLA! Ladies Cup. A entrega de trofeos celebrarase ás seis da tarde no Monte Real Club de Yates.

33º TROFEO PRÍNCIPE DE ASTURIAS
CLASIFICACIÓN TRAS A SEGUNDA XORNADA DE REGATAS
Monte Real Club de Yates • Sábado, 1 de setembro de 2018

CLASE MARTIN MILLER ORC 0-1
1. ACEITES ABRIL • LUIS Y JORGE PÉREZ CANAL • RNV VIGO • PUNTOS
2. PAIRO 8 • LUIS BUGALLO • RCN VIGO • PUNTOS
3. DELMAR CONDE • DELMAR CONDE • CN BOCA DE BARRA • PUNTOS

CLASE ACEITES ABRIL ORC 2
1. INOSA • FRAN EDREIRA • MARINA SADA • PUNTOS
2. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • RAMÓN OJEA • CM CANIDO • PUNTOS
3. GRUPO SANTORUM & MARTINEZ • JAVIER DURÁN • CN RIVEIRA • PUNTOS

CLASE GADIS ORC 3
1. BUNDA • JACOBO SOLORZANO • RCN A CORUÑA • PUNTOS
2. PLANO B • NUNO RIBAS • CV ATLÁNTICO • PUNTOS
3. UNUS • LUIS M. GARCÍA TRIGO • MRCYB • PUNTOS

CLASE VOLVO AUTESA ORC 4
1. TRAVESÍO – LA RIVIERE CONSERVAS • PABLO DE LA RIVA • N VILAGARCÍA • 1 PUNTO
2. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA • 2 PUNTOS

CLASE COMUNICA OPEN
1. ESCUELA DEL NÁUTICO • BERNAL XIAN FIGUEIRAS • RCN VIGO • 1 PUNTO
2. MOUCHO • DANIEL AYASO • CND RIVEIRA • 2 PUNTOS

CLASE STORAX CLÁSICOS
• • • • • • •

CLASE SOLVENTIS J80
1. MARÍAS – CASAS DO TELHADO • MANUEL MARÍA • MRCYB • 4 PUNTOS
2. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB • 5 PUNTOS
3. CANSINO • FERNANDO YÁÑEZ • MRCYB • 9 PUNTOS

¡HOLA! LADIES CUP
1. HOLA.COM • MARTA RAMADA • BB DOURO • 3 PUNTOS
2. HOLA FASHION • MAGDALENA CZERNIK • RCM SANTANDER • 7 PUNTOS
3. HOLA! USA • LOURDES BILBAO • RCMA – RSC • 7 PUNTOS

Anuncios