O Trofeo Príncipe de Asturias coroa aos seus campións

FOTO: LALO R. VILLAR // O Pairo 8 nun momento da competición.

O Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA coroou este domingo aos campións dunha edición marcada polo alto nivel da frota participante. As mellores tripulacións de Galicia e Portugal reuníronse un ano máis na competición náutica máis importante de Galicia e non defraudaron na auga, dando espectáculo ata o final a pesar das complicadas condicións que caracterizaron esta edición.

O vento quixo ser protagonista e púxollo moi difícil a un comité de regata que, durante os tres días que durou a competición, tivo que axustar e reaxustar percorridos e probas para que os veleiros puidesen disputarse o trofeo coas mellores condicións posibles. A pesar desas dificultades, finalmente todas as clases en liza puideron gozar da navegación polas Rías Baixas e encher as marcadoras da clasificación.

Os grandes barcos, das clases ORC 0-1, 2 e 3, quedaron en branco o primeiro día de competición, pero o segundo e terceiro saíron con moitas ganas e as súas probas non puideron estar máis rifadas. Aos ORC 4, Clásicos e Open o vento tamén os deixou tirados ao pouco de empezar a proba do sábado, e hoxe os máis prexudicados polos caprichos de Eolo foron os monotipos, aos que non deixou disputar ningunha das mangas previstas.

O Pairo 8 revalida o título na clase MARTIN MILLER ORC 0-1

Tras gañar o Rías hai apenas unhas semanas, o Pairo 8 de José Luis Freire chegou a Baiona disposto a sumar outra vitoria no Príncipe de Asturias e revalidar o título logrado en 2017, e coas catro probas disputadas puido cumprir os seus desexos. “Foi unha competición moi rifada xa que na clase había 4 ou 5 barcos que están a competir a un gran nivel” asegurou o patrón do Pairo e campión de Europa de J70 Corinthian Luis Bugallo. “Na xornada de onte despegámonos un pouco do resto nós e os do Abril e hoxe saíunos ben a xogada e puidemos sentenciar”, afirmou. A tripulación do Real Club Náutico de Vigo levou o título da competición dos grandes veleiros deixando en segunda posición ao seu compañeiro de club e rival máis directo, o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Canal. De man de Delmar e Renato Conde, os portugueses do Porto de Aveiro bordaron a grímpola do Clube Náutico Boca da Barra no terceiro caixón do podio.

O Bosch Service Solutions gaña na clase ACEITES ABRIL ORC 2

O Bosch Service Solutions do Club Marítimo de Canido, con Ramón Ojea á roda, foi o gañador da clase Aceites Abril ORC 2. A tripulación chegou á xornada final en segunda posición pero o primeiro debido a que lograron na única proba celebrada este domingo deulles a vitoria final. “Case tiñamos a regata perdida e ao final logramos adiantar e gañamos por segundos. A verdade é que foi un Principe moi rifado, sobre todo entre os tres barcos que finalmente nos levamos os primeiros premios” comentaba Ramón Ojea tras acabar a regata. O segundo premio dos ORC 2 foise para Riveira da man do Grupo Santorum & Martínez de Javier Durán; e o terceiro para o Inosa de Fran Edreira, do Marina Sada.

O Bunda vence na clase GADIS ORC 3

Con tres primeiros nas catro probas disputadas, o Bunda de Jacobo Solorzano levou un máis que merecido primeiro premio da clase Gadis ORC 3. Os do Real Club Náutico da Coruña tiveron en todo momento ao Plano B de Nuno Ribas ao asalto, pero os portugueses do Clube de Vela Atlántico quedaron a un punto do vencedor e tivéronse que conformar con subirse ao segundo caixón do podio. O trío de honra da competición completouse co Unus de Luis García Trigo, que regateou polo Monte Real Club de Yates.

O Balea Dous leva a clase VOLVO AUTESA ORC 4

A tripulación canguesa do Balea Dous, con Luis Pérez aos mandos, foi a vencedora da clase Volvo Autesa ORC 4, inscribindo o nome do Real Club Náutico de Rodeira no histórico de gañadores do Trofeo Príncipe de Asturias. Completaron a clasificación dos tres primeiros o Travesío – La Riviere Conservas de Pablo de la Riva, do Náutico de Vilagarcía; e o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo, do Club Náutico de Beluso.

O Escuela del Náutico de Vigo triunfou na clase COMUNICA OPEN

O equipo encabezado por Bernal Xian Figueiras a bordo do Escuela del Náutico, do Real Club Náutico de Vigo, triunfou na clase Comunica Open, levándose o primeiro dos tres trofeos que se repartiron na gala celebrada no Monte Real Club de Yates. O segundo e terceiro premio fóronse para Riveira e Coruña, coas vitorias do Moucho de Daniel Ayaso e o Salseiro de Manuel Blanco.

A clase STORAX CLÁSICOS para o Blue Moon

O Blue Moon de Luis Molina levou ao Real Club Náutico da Coruña o gran premio da clase Storax Clásicos, un galardón que o patrón recolleu de mans do presidente do Monte Real Club de Yates José Luis Álvarez. O resto de caixóns do podio ocupáronos dous barcos da AGABACE, o Belisa de José Manuel Cores e o Miña Miniña de Fabián Garrido, que quedaron segundo e terceiro respectivamente.

Manuel Marías lidera ao Marías ata a vitoria da clase SOLVENTIS J80

O portugués Manuel María Cunha liderou á tripulación do Marías – Casas do Telhado ata a vitoria da clase Solventis J80 arrebatándolle o triunfo ao Okofen de Javier de la Gándara, que partía como favorito tras gañar en 2016 e 2017. Ambos foron, sen dúbida, os barcos máis destacados da competición dos monotipos de 8 metros, e a diferenza de puntos na clasificación final entre un e outro foi de apenas un punto. A terceira posición da clase foi para outro barco do Monte Real Club de Yates, o Cansino do comodoro do club Fernando Yáñez.

As portuguesas do BB Douro repiten triunfo na ¡HOLA! LADIES CUP

A bordo do HOLA.COM, as portuguesas do BB Douro We Do Sailing, coa vicecampioa lusa de 420 Marta Ramada á fronte, repetiron triunfo por segundo ano consecutivo na ¡HOLA! Ladies Cup. Partían como claras aspirantes ao trono e non defraudaron, deixando claro que teñen madeira de campioas. A bordo do veleiro ían a subcampioa do mundo de Snipe, Mafalda Pires de Lima, e as campioas portuguesas de Laser e 420, Carolina Joao e Joana Azevedo. A tripulación de santanderinas do HOLA FASHION, lideradas por Magdalena Czernik quedaron segundas e a terceira posición foi para o HOLA! USA de Lourdes Bilbao, cunha tripulación de alumnas da Escola de Vela do Real Club Marítimo do Abra – Real Sporting Club.

Premio Conde de Barcelona ao mellor barco portugués

Outro dos galardóns que cada ano outorga o 33º Trofeo Príncipe de Asturias é o Premio Conde de Barcelona Juan de Borbón ao mellor barco con tripulación portuguesa, que este ano recaeu no Porto de Aveiro, liderado por Delmar Conde, do Clube Náutico Boca da Barra. A frota lusa tivo este ano unha destacada presenza na competición do Monte Real Club de Yates, con 11 barcos con bandeira lusa na lista de inscritos.

Mención de honra ao barco inclusivo AXA SEGUROS

Ademais dos ORCs, clásicos e monotipos, habituais en todas as regatas, o 33º Trofeo Príncipe de Asturias contou coa participación, por cuarto ano consecutivo, dun barco inclusivo, o AXA Seguros, que, co apoio da compañía aseguradora e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia permitiu a navegación dun grupo de alumnos e alumnas do Centro Juan María de Nigrán para persoas con discapacidade. A pesar de non gañar na categoría na que competían, na entrega de premios recibiron unha mención de honra de mans da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; e a delegada de AXA, María del Mar Romero.

Preparados xa para o Vertiatlón Solidario

Tras a celebración da súa gran cita anual, ao Monte Real Club de Yates aínda quedan por diante dúas competicións máis no seu calendario deportivo deste 2018: o Vertiatlón Solidario de Baiona e a Liga de Outono de J80. A cuarta edición do tríatlon co que o club recada fondos para a súa Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade celebrarase en apenas uns días, o próximo 15 de setembro. A liga de monotipos prolongarase durante varios fins de semana nos meses de outubro e novembro.

33º TROFEO PRÍNCIPE DE ASTURIAS
CLASIFICACIÓN XERAL • FINAL DE TROFEO
Monte Real Club de Yates • Domingo, 2 de setembro de 2018

CLASE MARTIN MILLER ORC 0-1
1. PAIRO 8 • LUIS BUGALLO • RCN VIGO • 11 PUNTOS
2. ACEITES ABRIL • LUIS Y JORGE PÉREZ CANAL • RNV VIGO • 13 PUNTOS
3. DELMAR CONDE • DELMAR CONDE • CN BOCA DE BARRA • 16 PUNTOS

CLASE ACEITES ABRIL ORC 2
1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • RAMÓN OJEA • CM CANIDO • 7 PUNTOS
2. GRUPO SANTORUM & MARTINEZ • JAVIER DURÁN • CN RIVEIRA • 9 PUNTOS
3. INOSA • FRAN EDREIRA • MARINA SADA • 10 PUNTOS

CLASE GADIS ORC 3
1. BUNDA • JACOBO SOLORZANO • RCN A CORUÑA • 6 PUNTOS
2. PLANO B • NUNO RIBAS • CV ATLÁNTICO • 7 PUNTOS
3. UNUS • LUIS M. GARCÍA TRIGO • MRCYB • 15 PUNTOS

CLASE VOLVO AUTESA ORC 4
1. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA • 4 PUNTOS
2. TRAVESÍO – LA RIVIERE CONSERVAS • PABLO DE LA RIVA • N VILAGARCÍA • 5 PUNTOS
3. SANTIAGO ROMA RÍAS BAIXAS • IÑAKI CARBAJO • CN BELUSO • 12 PUNTOS

CLASE COMUNICA OPEN
1. ESCUELA DEL NÁUTICO • BERNAL XIAN FIGUEIRAS • RCN VIGO • 3 PUNTOS
2. MOUCHO • DANIEL AYASO • CND RIVEIRA • 6 PUNTOS
3. SALSEIRO • MANUEL BLANCO • RCN A CORUÑA • 9 PUNTOS

CLASE STORAX CLÁSICOS
1. BLUE MOON • LUIS MOLINA • RCN CORUÑA • 1 PUNTO
2. BELISA • JOSÉ MANUEL CORES • AGABACE • 2 PUNTOS
3. MIÑA MINIÑA • FABIAN GARRIDO • AGABACE • 3 PUNTOS

CLASE SOLVENTIS J80
1. MARÍAS – CASAS DO TELHADO • MANUEL MARÍA • MRCYB • 4 PUNTOS
2. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB • 5 PUNTOS
3. CANSINO • FERNANDO YÁÑEZ • MRCYB • 9 PUNTOS

¡HOLA! LADIES CUP
1. HOLA.COM • MARTA RAMADA • BB DOURO • 3 PUNTOS
2. HOLA FASHION • MAGDALENA CZERNIK • RCM SANTANDER • 7 PUNTOS
3. HOLA! USA • LOURDES BILBAO • RCMA – RSC • 7 PUNTOS

PREMIO CONDE DE BARCELONA DON JUAN DE BORBÓN
PORTO DE AVEIRO • DELMAR CONDE • CN BOCA DA BARRA

PREMIO ESPECIAL MARY WOODWARD AL MEJOR BARCO J80
OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MONTE REAL CLUB DE YATES

MENCIÓN DE HONOR DEL TROFEO PRÍNCIPE DE ASTURIAS
AXA SEGUROS (Barco tripulado por alumnos do Centro Juan María de Nigrán para persoas con discapacidade)