O Monte Real entregou os Premios Nacionais de Vela 2018

FOTO: LALO R. VILLAR // Foto de familia dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda 2018.

O Monte Real Club de Yates entregou esta noite en Baiona os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda nunha gala celebrada no marco do 33º Trofeo Príncipe de Asturias, que o club baionés organiza desde o venres da man da Escola Naval Militar. Conducida polo presentador da Televisión de Galicia, Carlos Macía, e a responsable de comunicación do club, Rosana Calvo, á gala asistiron algúns dos deportistas máis destacados do panorama náutico español.

O encargado de dar a benvida aos asistentes foi o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, quen aproveitou a ocasión para felicitar á Escola Naval Militar, coorganizadora do Trofeo Príncipe de Asturias, polos seus 75 anos de historia en Galicia. Lembrou tamén Álvarez dúas efemérides relacionadas co mundo da vela: os 525 anos da arribada da carabela Pinta a Baiona, que se cumpren neste 2018, e o quinto centenario da primeira volta ao mundo de Magallanes e Elcano, que se conmemorará en 2019.

Sucedeulle ao micrófono o presidente de Adegas Terras Gauda, patrocinador do evento. Na súa intervención, José María Fonseca Moretón lembrou os seus inicios no mundo da vela co seu pai e a estreita relación que lle une co Monte Real Club de Yates do que é socio desde hai máis de 50 anos.

Tras os discursos de benvida, os premiados fóronse sucedendo no escenario para recoller o seu galardón e dar unhas palabras de agradecemento. O primeiro en facelo foi o valenciano Luis Senís, quen recibiu de mans do comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero, o galardón ao mellor patrón do ano polos resultados obtidos á fronte do “Clínicas Dr. Senís” (anterior Porrón IX), co que se alzou campión do mundo de Swan 45 e gañou, por segundo ano consecutivo, o Nations Trophy.

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, foi o encargado de entregarlle ao murciano José María Meseguer o premio ao mellor barco do ano, que neste 2018 recaeu no “Pez de Abril”, gañador das dúas competicións náuticas máis prestixiosas de España, a Copa da Raíña e a Copa do Rei.

Aínda que non puideron asistir á gala por atoparse competindo en Xapón, as subcampioas do mundo da clase 470, Silvia Mas e Patricia Cantero, tamén tiveron o seu minuto de homenaxe na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda. O pai de Silvia, David Mas, agradeceu o galardón que lle entregou o director territorial de ABANCA, Walter Álvarez.

O premio Mariano Augado de Comunicación recaeu este ano na Axencia EFE, pola súa difusión da actualidade da vela en España, dando a coñecer a actividade de clubs, equipos e deportistas españois. O responsable de deportes da axencia, Luis Villarejo, recolleu o premio de mans de Pilar de Sas.

O seguinte galardón en ser entregado foi o de mellor monotipo do ano, que levou a tripulación canaria do “Princesa Yaiza”, que este ano facía historia ao lograr o seu quinto campionato do mundo da clase J80. O lanzaroteño Rayco Tabares e parte do seu equipo xuntáronse sobre o escenario para recoller o premio que lles entregou o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez.

Sen dúbida un dos momentos que máis aplausos xerou entre o público asistente foi o anuncio do premio ao mellor equipo de regatas, que este ano se lle outorgou ao MAPFRE pola súa brillante actuación na Volvo Ocean Race, na que lograron unha meritoria segunda posición. A trimmer e o proa do equipo, a galega Támara Echegoyen, recibiu o galardón de mans do presidente de adegas Terras Gauda, José María Fonseca Moretón.

Tras finalizar a gala deu inicio unha gran cea de confraternización no village do Trofeo Príncipe de Asturias na que non faltaron os fogos artificiais. O punto e final da xornada púxoo unha gran festa que se prolongará ata ben entrada a madrugada.