Angulo busca ser profeta na volta da súa terra

O Club Ciclista Rías Baixas aspira ao triunfo final na Volta a Cantabria cun corredor que xoga en casa. Antonio “Chava” Angulo liderará á estrutura presidida por José Luis Chamorro na rolda de tres etapas que arranca este domingo. O recente gañador da clasificación da montaña na Volta a Salamanca quere ser profeta na súa terra.

O percorrido da antepenúltima proba por etapas do calendario Elite e Sub23 vai como anel ao dedo ao ciclista de El Llano. O pistoletazo inicial darase cunha explosiva contrarreloxo individual de 900 metros na santanderina Costa da Atalaia, onde Angulo triunfou hai dúas tempadas.

A segunda e a terceira etapa presentan un trazado rompepernas. O luns os corredores percorrerán 150 quilómetros con saída e meta en Vioño de Piélagos e o martes a volta resolverase Maliaño, punto de inicio e final dunha xornada de 149 quilómetros. Ningunha das dúas chegadas sitúase no alto.

Angulo terá como principais escudeiros ao catalán Francesc Zurita, cuarto na última etapa da Volta a Salamanca, e ao colombiano Cristian Cuervo, quinto na clasificación xeral da recente Volta a Vetusta. A aliñación confeccionada polo director deportivo Iván Rodríguez complétana os galegos Óscar Justo e Rafael Pereira, o balear Jaume Bonnin e o madrileño Iván Arribas.

A Volta a Cantabria que reúne a 24 equipos, tres deles estranxeiros, marca o inicio do último mes de competición para o Club Ciclista Rías Baixas. Posteriormente os miñoranos participarán na Volta á Provincia de Valencia e na Volta a Galicia, un dos seus grandes obxectivos do ano.

Anuncios