Sin categoría

Nigrán substitúe 25 luminarias do centro da Ramallosa por unhas novas de iluminación LED

O Concello de Nigrán ven de substituír 25 luminarias do centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, Avda. Portugal e Torrente Ballester) por unhas novas de iluminación LED por importe de 5.000 €. O obxectivo deste troco é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as antigas luminarias de vapor de sodio ocasionaban problemas ao sobrepasar o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considerou prioritario o troco nesta contorna ao ser un núcleo urbano con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio», indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, como xa se fixo en todo o centro urbano e Panxón, a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.