Amor incondicional por Baiona máis aló do charco

Este martes o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, tivo unha reunión informal con Pitusa Coello Denis e Yoni Penén. Ela, baionesa de nacemento, emigrou a Bos Aires hai máis de 60 anos e alí coñeceu ao seu marido, un arxentino namorado de Galicia e de Baiona. “Cada vez que temos ocasión, aproximadamente cada dous anos, vimos á miña terra natal para gozar deste bonito lugar, das súas xentes, a súa gastronomía”, comentan. Ademais, “sempre estamos pendentes das noticias acerca de nosa querida Vila a través das redes sociais e dos medios de comunicación local. Aínda que esteamos lonxe sempre temos na nosa mente a Baiona”, sentenciou Pitusa. O alcalde estivo a charlar animadamente con eles acerca da evolución do municipio ao longo dos anos e intercambiando opinións.

A historia de emigración de Pitusa aparece recollida no libro “Baiona los Goce y los Denis” (Segunda parte) de Luis Alberto Rey Lama. No libro recóllese a primeira visita de Pitusa en 1988 xunto á súa irmá “Peque” á Real Vila desde a súa emigración a Bos Aires en 1954. Pasaran 34 anos, e chegaba, acompañada polo seu marido, Yoni Penén. Atopáronse en Vigo coa súa curmá Chelo Coello, que os acompañaría ata Baiona. Unha vez na Vila, reuníronse en casa de “Pita” Denis Mijón, quen lles cociñou un rico atún que lles regalou Pablo, fillo de “o Canero”.

“Antes de vir a Galicia temía morrerme de emoción ao chegar a Baiona. Era tanta a miña ansiedade que o meu fillo mandoume en Bos Aires a unha psicóloga amiga para prepararme. Desde aquel día escápome a Baiona sempre que podo, xureime a min mesma non deixar pasar outros 34 anos, e cada dous, máis ou menos, volvo”, contoulle Pitusa ao Alcalde. Durante a súa estancia na localidade percórrena de punta a cabo, e reúnense cos moitos familiares e amizades que conservan. De paso perciben os cambios que se produciron no pobo e no Val Miñor.

“Pero alí, no alto, a Virxe da Rocha, mantense onde sempre… e desde A Concheira pódense contemplar os mesmos solpores de outrora, coas Estelas e as Cíes de fondo… a Colexiata e Santa Liberata… o casco vello de tantos recordos… o barrio de San Xoán onde seguen vivindo tantos familiares”, rememora nostálxica esta baionesa afincada en Bos Aires.