Anuncios
Ticker de novas

O mago máis novo da comarca chámase Luca

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Luca Riego.

A maxia consiste en facer posible o imposible xa sexa con enxeño, técnica ou xogando cos efectos ópticos e que ao mesmo tempo cre unha ilusión a aqueles que a presencian. Este último punto é o que precisamente espertou o interese de Luca Riego Costas, un mozo veciño de Gondomar que con tan só 14 anos asegura sentir paixón por este mundo, o que o converte no mago profesional máis novo da comarca. A pesar da súa curta idade teno moi claro e mantén que lle gustaría dedicarse a iso o día de mañá.

Luca empezou a practicar fai catro anos e non lle gusta que lle asocien co típico mago de barita e chistera, el séntese máis identificado co mediático “Dynamo” ou o “Mago Pop”, de feito o primeiro maletín que lle regalaron non conseguiu espertar o seu interese e acabou collendo po nun armario. Debido á ausencia de escolas do ramo, Luca lla enxeña para aprender novos trucos e sérvese de libros para perfeccionar a súa técnica. Os primeiros conseguiunos nunha biblioteca ao tratarse de exemplares que teñen un prezo considerable. “Aquí non temos centros pero por exemplo en Madrid ou Barcelona si”, engadiu.

A vertente que máis lle atrae é a cartomaxia xa que segundo explicou é a que máis lle permite interactuar co público e adaptar os xogos ao seu estilo. Pero para os espectáculos de escenario sérvese de obxectos de maior tamaño e facilitar así a súa percepción desde distancias que oscilan entre os tres e os seis metros, para iso adoita utilizar cordas e laranxas. “Aquí unha carta ou unhas moedas son demasiado pequenas e o público non consegue fixarse”, explicou.

Todos os xoves reúnese con outros magos na Asociación de Ilusionistas de Vigo para intercambiar experiencias e puír os posibles fallos de execución ao tratarse en moitos casos de profesionais e con moita máis experiencia que o gondomareño. “Como son persoas que non teñen un vínculo moi próximo contigo non lles custa traballo sacar defectos ou directamente dicirchos, non é como con amigos ou familiares que teñen medo a facer críticas por como che poida parecer”, engadiu.

O pasado mes de xullo actuou no local vigués “De catro a catro”, aínda que hoxe farao no Casino de Sabarís de 13 a 16 horas como debutante en solitario e onde asombrará cos seus xogos. “No meu colexio fixen como oito espectáculos pero nun ámbito profesional esta será a segunda vez”, finalizou.

Anuncios