Anuncios
Ticker de novas

Baiona celebra este domingo a Romaría da Virxe da Rocha

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Romaría da Virxe da Rocha.

Este domingo día 26 como vén sendo costume e tradición na Real Vila e coincidindo co último domingo do mes de agosto, terá lugar a Romaría da Virxe da Rocha, que comezará ás doce horas co disparo de salvas. Á unha do mediodía terá lugar a Misa Solemne ao pé do monumento e acto seguido actuará a Escola de Danza Vila de Baiona, as Pandereteiras de Monte Boi e o Grupo de Gaitas “A Seneira”.

Sobre as dúas da tarde está previsto que comece a tradicional comida campestre composta de sardiñas, pan de millo e viño. Degustaranse para a ocasión máis de 250 kg de sardiñas, 200 pezas de pan de millo e 200 litros de viño do país a 3 euros a ración para todos os romeiros que se acheguen este domingo ao Parque Mercedes de la Escalera.

A Romaría da Virxe da Rocha está organizada pola Concellería de Cultura de Baiona, preservando inalterables os costumes e tradicións da Vila de Baiona que se remontan ao 18 de setembro de 1910, data na que se colocou a primeira pedra do monumento e na que se depositou unha caixiña de zinc contendo dúas moedas de ouro, dous de prata e dúas de bronce, xunto cunha copia do acta de tal acontecemento. A súa construción foi posible por subscrición popular e por unha importante colecta de emigrantes españois en Cuba. A escultura foi inaugurada o 14 de setembro de 1930 e ao longo dos anos foi festexada con diversos actos e cerimonias relixiosas e profanas que aínda hoxe en día seguen repetíndose como marca o costume e tradición o último domingo de agosto ao pé do monumento.

Esta Virxe pétrea é única na súa clase, o seu manto arranca da mesma roca do outeiro do monte chamado Sansón, áchase a 100 metros sobre o nivel do mar e ten unha altura de 15 metros desde a base. É toda de pedra excepto a cara e as mans que son de mármore branco de carrara. O interior do monumento está oco e contén unha escaleira de caracol de 45 chanzos que permite subir ao barco que a Virxe sostén na súa man dereita, con capacidade para 7 persoas e que vén sendo un asombroso miradoiro desde onde se contempla o océano atlántico, as illas Cíes e a vila de Baiona.

O monumento foi deseñado e realizado polo arquitecto porriñés Antonio Palacios e polo enxeñeiro caldense Laureano Salgado Rodríguez. A cara e as mans de mármore foron esculpidas polo escultor madrileño Ángel García Díaz e as escaleiras interiores de caracol realizounas o artista baionés Ángel Fernández González (Vernet).

Anuncios