Anuncios
Ticker de novas

Rally Botafumeiro, próxima cita para Alberto Meira e José Murado

O final do verán marca o comezo da segunda parte do Campionato Galego de Rallies, e nesta ocasión vivimos o regreso dunha proba emblemática do Campionato Galego, o compostelán Rally Botafumeiro, que despois de catro anos de ausencia, volve celebrarse. Tomando a testemuña da Escudería Compostela, tradicional organizador deste evento, a recentemente formada Escudería Santiago asumiu o reto de volver dinamizar o automobilismo nesa rexión, e afronta un ambicioso reto, cun rally máis duro e extenso do que é habitual no rexional de rallies, que ademais espertou unha gran expectación no deportivo, recibindo un gran número de solicitudes de inscrición.

Alberto Meira e José Murado realizaron durante estes días os preceptivos recoñecementos do percorrido, destacando como reto “a enorme variedade de asfalto e tipos de terreo que existen nos tramos, co consecuente cambio de agarre, que hai que interpretar e anticipar nas notas. Hai zonas rápidas e anchas onde será moi importante a potencia, e aí creo que o noso coche pode ser competitivo, como xa demostramos no pasado Sur do Condado. Tamén é certo que tradicionalmente este é un rally que se lle dá moi ben a Víctor Senra, pero en todo caso son optimista para as nosas posibilidades”, comenta Meira.

O venres, desde primeira hora da mañá, comezará a vivirse a proba, coas verificacións de vehículos e a disputa do tramo de probas, última oportunidade para poñer a punto os vehículos. O rally propiamente dito dá comezo esa tarde, cunha superespecial nas inmediacións do Estadio de San Lázaro, que será un aperitivo do que nos espera ao longo da xornada do sábado.

Para seguir o rally

VENRES 24 AGOSTO
Verificacións de 9:00 a 11:30
Parque de asistencia situado no Recinto Feiral de Amio
Tramo de probas na Sionlla (N-550) de 13:00 a 16:00
Saída do rally na Alameda de Santiago a partir das 20:00
Tramo S.E. en San Lázaro ás 20:35

SÁBADO 25 AGOSTO
Inicio 2ª etapa ás 7:15 desde Recinto Feiral de Amio
Tramo A – “Comuca” ás 7:43 e 11:37
Tramo B – “Decoracións Rodríguez” ás 8:46 e 12 h40
Tramo C – “Lojo & Formoso” ás 9:24 e 13:18
Tramo D – “Construcións Viñal” ás 17:26 e 20:22
Tramo E – “Viaxes Marte” ás 18:04 e 21:00
Fin do rally ás 22:25 na Alameda de Santiago

Resultados en directo en… www.temposfga.eu

Anuncios