
A Garda Civil localizou ao condutor que supostamente se deu á fuga despois de atropelar a un mozo, veciño de Baiona, nunha céntrica rúa da localidade.
Segundo puido pescudar, os feitos sucederon a madrugada do pasado venres cando este mozo transitaba en compañía de varios amigos pola rúa Tomás Mirambel e foi alcanzado por un vehículo, causándolle diversas contusións.
Ao parecer e segundo o testemuño dos amigos da vítima, o condutor parou uns metros despois do accidente e abandonou o lugar antes de que chegasen os servizos de emerxencia.
Como consecuencia do accidente, a vítima tivo que ser evacuada nunha ambulancia e trasladado a un centro médico de Vigo onde recibiu asistencia sanitaria para ser atendido das lesións que padecía, que foron diagnosticadas de leves.
As investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona e a Policía Local, concluíron días despois coa identificación e localización do condutor do vehículo, que resultou ser un veciño de Vigo, de 32 anos, ao que se lle notificou a súa condición de investigado como suposto autor de senllos delitos contra a seguridade viaria lesións.
Pola súa banda, tamén formulou unha denuncia administrativa ao peón que foi atropelado, por infrinxir a normativa do Regulamento Xeral de Circulación, por transitar pola calzada nun tramo de vía urbana que dispoñía de beirarrúas practicables.