Ryan Waddington e Leticia Fernández impóñense na 34ª “Andar e Correr” de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ryan Waddington xusto antes de cruzar a meta.

Ryan Waddington conquistou este domingo a Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”. Na categoría feminina a gañadora esta vez foi a pontevedresa Leticia Fernández Barbosa. Máis de 1.800 corredores déronse cita en Baiona para participar un ano máis nunha proba que xa é unha clásica do calendario do verán galego. Desde primeira hora da mañá, os máis pequenos encheron o Parque da Palma para disputar as probas das categorías infantís.

O bo tempo acompañou aos corredores desde a porta do Parador Conde de Gondomar no seu percorrido de 10 quilómetros polas rúas baionesas. Ryan Waddington non deu marxe á sorpresa e no seu trazado polas rúas do Centro histórico de Baiona xa impuxo un ritmo suficientemente alto para saír da zona vella con varios segundos de vantaxe sobre Liébanas.

A proba, que cumpriu a súa 34ª edición, discorreu na súa maior parte polo Camiño Portugués da Costa, declarado oficialmente hai xustamente dous anos, e os corredores pasaron por diante de monumentos emblemáticos como o cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata ou rúa Conde.

O punto crave foi outra vez a dura subida de San Antón, momento no que a proba rompeu definitivamente e as distancias entre a cabeza e os perseguidores fíxose insalvable. Desde Baredo, o atleta de Sydney descendeu pola estrada da Guarda e o Rompeolas para entrar triunfante no Parque da Palma cun tempo de 31:54, case dous minutos menos que Antonio Liébanas (33:20) e Simón Rama (33:26).

En categoría feminina, Leticia Fernández fixo un tempo de 39:44, por diante de Elena Costas (42:47) e Mónica Novoa (43:32). Na categoría de baioneses, venceron Antonio Liébanas e Loreto Rodríguez. Entre os participantes tamén estaban o alcalde, Ángel Rodal, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

A proba, organizada polas Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona, contou con máis dun centenar de voluntarios. A entrega de premios celebrouse no Paseo da Ribeira.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios