Nigrán investirá máis de 100.000 € no asfaltado de 14 rúas de todo o municipio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Cabreira.

O Concello de Nigrán emprenderá en setembro un gran plan de asfaltados tras adxudicar a COVSA a renovación do firme de 14 rúas de todo o municipio por importe de 108.900 € ao cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. En total, trátase de máis de 15.000 metros cadrados de superficie que se atopa actualmente en pésimo estado ou que, no caso de Camiño das Barxas (Panxón) e do Foro (Tarela) non teñen pavimento algún. O prazo de execución é de dous meses, polo que estarán listas antes de final de ano.

«Trátanse todas elas de rúas en moi malas condicións, situadas en barrios moi habitados e que, consecuentemente, son transitadas diariamente por centos de veciños, por iso se lle deu prioridade. Somos conscientes de que hai máis rúas en mal estado e tamén chegaremos a elas», resume o alcalde, Juan González.

O plan comprende a parroquia de San Pedro (Camiño dos Concellos en Vilariño, do Viso, e Camiño da Cabreira), Panxón (rúa da Porqueira, rúa do Arco Visigótico, Camiño do Cocho, rúa As Barrocas, Camiño do Estripeiro, rúa dos Loureiros), Chandebrito (rúa Chandebrito), Camos (rúa Rotea) e Priegue (rúa Regueiriños). A maiores, pavimentarase o Camiño do Foro na Tarela (Nigrán) e o Camiño das Barxas en Sancho (Panxón), ambos os dous sen firme algún.

Nos últimos tres anos o goberno levou adiante máis dunha vintena de asfaltados en todas as parroquias do municipio por importe de máis de 275.000 €, aos que agora hai que sumar estes 108.000 €.

Anuncios