A catalá Silvia Mas, de 21 anos, e a grancanaria Patricia Cantero, de 28, recollerán o próximo 1 de setembro no Monte Real Club de Yates (Baiona) o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao Equipo Olímpico do Ano.
O xurado que outorga os galardóns quixo recoñecer ao tándem feminino de 470 pola súa espectacular traxectoria deportiva ao longo deste ano, un percorrido que selaron coa prata no Campionato do Mundo de Vela Olímpica celebrado este mes de agosto en Aarhus (Dinamarca), coa que conseguiron clasificar a España para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Mas e Cantero empezaron a navegar xuntas hai apenas dous anos, tras finalizar os proxectos que mantiñan coas súas anteriores parellas, e desde entón lograron unha gran regularidade. Adestran en augas mediterráneas e atlánticas, apoiadas polos seus respectivos clubs (Club Náutic S’Arenal e Real Club Náutico de Gran Canarias), e a súa primeira competición oficial foi o 48º Trofeo Princesa Sofía, no que se estrearon como equipo cun meritorio terceiro posto.
Máis adiante virían o bronce da World Sailing de Santander, a prata da World Cup Series de Hyéres, e o sexto posto logrado no Campionato do Mundo celebrado en Tesalónica, que lles permitiu coarse no top ten mundial de 470.
Lograron ademais a vitoria na Kieler Woche (Semana de Kiel), meterse entre as tres primeiras tripulacións do Campionato de Europa que se disputou en Bulgaria, e a súa última gran fazaña foi a prata conseguida no Campionato do Mundo de Vela Olímpica, celebrado este mes de agosto en Dinamarca.
En augas danesas, Mas e Cantero lograron clasificar a España para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 e é na capital nipoa onde teñen postas as súas miras, xa que a súa máxima aspiración a día de hoxe é ser as españolas que representen ao país na clase 470 e volver a casa cunha medalla.
Antes diso, o equipo catalanocanario recollerá en Baiona a máxima distinción que lles outorgaron ata o momento, o galardón que as recoñece como mellor Equipo Olímpico do Ano. Recibirano o próximo 1 de setembro na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, que o Monte Real Club de Yates organiza un ano máis coincidindo coa celebración do 33º Trofeo Príncipe de Asturias, que se disputa en Galicia do 31 de agosto ao 2 de setembro.

