Inscricións abertas para a cuarta andaina nocturna “O Camiño do Terror” de Parada

O Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor organiza por cuarto ano consecutivo “O Camiño do Terror”, unha andaina de 5 quilómetros polo Monte Castelo onde haberá escenas de terror, espectáculo, queimada e chocolatada ao finalizar o percorrido. Terá lugar os días 24 e 25 de agosto con saída desde o campo de futbito de Parada ás 22:30 horas.

Os interesados en participar poden anotarse no teléfono 628 98 65 97, chamando ou mandando un WhatsApp, ou no correo electrónico centroculturalparadaminor@gmail.com. O prezo da inscrición é de 6 euros e inclúe camiseta e chocolatada. Tamén haberá bocadillos e servizo de cantina. A andaina non é adecuada para menores de 10 anos.

Todo empezou no 2015 cando un grupo de amigos do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor e o Grupo de Baile Breogán Valle Miñor, coa axuda do Concello de Nigrán, decidiron xuntarse para realizar esta andaina sen saber que ía ter tan boas expectativas no primeiro ano. Xa nas dúas seguintes edicións chegaron a reunir case mil persoas en dous días.