Sin categoría

A orquestra “Xove Vigo 430” ofrece o seu concerto final de verán ao pé do Templo Votivo de Panxón

A formación pon así o punto e final a súa concentración de doce días no CEE de Panxón
A canteira da “Orquesta Sinfónica Vigo 430” ofrece mañá martes 14 de agosto ás 21:00 horas un concerto ao pé do Templo Votivo, no recinto do CEE e CPI de Panxón (Camiño dos Lagos, entrada de balde). A “Xove Vigo 430” pon con esta actuación o colofón a doce días de convivencia e aprendizaxe neste colexio. Concello de Nigrán e de Vigo, xunto á Deputación de Pontevedra, colaboraron conxuntamente para poder levar adiante esta acción formativa centrada na música de cámara. A excepcional situación na que se desenvolverá o concerto foi estreada con gran éxito o 25 de xullo no espectáculo “Appasionarte” do coro Gli Appassionati.

A “Orquestra Xove Vigo 430” debutou cun concerto en setembro de 2012 ata ser na actualidade unha formación consolidada dirixida á mocidade e que pretende servir de canteira para aqueles músicos que aspiren a formar parte da agrupación principal, a Orquesta Sinfónica Vigo 430. «Dende o Concello de Nigrán estamos encantados de ofrecer este concerto, trátase dunha orquestra formada polas grandes promesas da música clásica e o escenario elixido para gozar dela non pode ser mellor: ao pé do espectacular Templo Votivo de Panxón», resume o alcalde, Juan González.