Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide denuncia o mal funcionamento do servizo de Correos

Ante as numerosas queixas recibidas por parte da veciñanza sobre a irregularidade no reparto, Nigrán Decide quere denunciar publicamente o mal funcionamento do servizo de correos no municipio, que na súa opinión é francamente mellorable, pois segundo as novas que ten o grupo municipal, non se substitúe todo o persoal neste período vacacional. “Na nosa opinión, o problema non o xeran os traballadores do servizo, sendo máis ben a causa a mala xestión da empresa, entre outras cuestións pola falta de previsión de substitucións do persoal nestas épocas vacacionais, que non se realiza na súa totalidade”, sinala Cuevas, para continuar indicando que “ao non substituír a todo o persoal, o que está traballando está desbordado”.

Como exemplo, dicir que o grupo municipal de Nigrán Decide enviou un boletín informativo sobre as propostas que levaba ao pleno do mes de xullo a través do servizo de publibuzón, que debía estar repartido na súa totalidade o día 30 de xullo; sen embargo, postos en contacto co servizo de Correos, manifestóuselles que dito reparto non comezaría até o día 6 de agosto.

“O noso caso particular, que pode resultar anecdótico, pon de manifesto a falla de calidade do reparto en Nigrán, que podería ser preocupante no caso de que estes fallos de calidade no servizo implicasen cartas de maior importancia como poden ser de xulgados ou relacionadas coa sanidade, polo que presentaremos unha reclamación en Correos, ampliándoa a todo o servizo, para que o reparto se realice cunha calidade e periodicidade aceptable mediante a dotación dos medios necesarios e a substitución de todo o persoal que goza das súas vacacións”, finaliza José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.

Anuncios