As augas de Baiona acolleron este venres a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Eurored Vigo 2018”, organizada un ano máis polas Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas con motivo das festas patronais da Anunciada.
Nesta edición, toda a regata volveuse centralizar nun único día, coa celebración das quendas clasificatorias e as finais feminina e masculina. Despois da entrega de premios, os participantes puideron gozar dunha festa fin de regata con paella, cervexa e música.
Participaron un total de 19 parellas, 13 masculinas e 6 femininas, chegadas de Tui, Cangas, Vilanova de Cerveira, Chapela, Oleiros, Moaña, Meira, Baiona e A Guarda. Clasificáronse para as finais as 5 parellas, tanto femininas como masculinas, que conseguiron os mellores tempos nas quendas clasificatorias.
Na categoría masculina os gañadores foron os irmáns Antonio e Fran Liébanas, que completaron as 0,400 millas con 6 longos e 5 xiros nun tempo de 9 minutos e 59 segundos. Ata este ano Antonio participaba co seu pai, co que conseguiu oito vitorias, a última en 2017. 11 segundos despois cruzaron a liña de meta o guardés Damián Alonso e o tudense Francisco Javier Álvarez. Sandro Rodríguez e Alfonso José Ribeiro, de Tui, conseguiron o terceiro posto do podio cun tempo de 10 minutos e 15 segundos.
As tamén tudenses María Cristina González e María Mercedes Costas foron as primeiras clasificadas na categoría feminina, ao completar as 0,250 millas de percorrido, con 4 longos e 3 xiros, en 7 minutos e 27 segundos. O segundo posto foi para Sofía Rodríguez e Elisa Dias, de Tui e Vilanova de Cerveira, que cruzaron a liña de meta tras 7 minutos e 34 segundos. Iria Álvarez e Lara Álvarez, tudenses tamén, pecharon o podio en terceira posición cun tempo de 7 minutos e 57 segundos.
Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibiron ademais de medalla un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Tamén houbo agasallos para todos os participantes.

