Anuncios
Ticker de novas

O IEM organiza unha Xeira Alén Miñor á Ribeira Sacra, Trives e Manzaneda

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza os días 12, 13 e 14 de outubro unha nova Xeira Alén Miñor ás Terras de Caldelas, Trives e Manzaneda, con saída o venres ás 8:00 desde a explanada do Pavillón de Deportes e chegada prevista o domingo aproximadamente ás 21:30 horas ao mesmo lugar. A xeira estará guiada por Xesús Rodríguez (historiador e membro da xunta directiva do IEM), coa colaboración de Eduardo González Clavijo (xeólogo). Para anotarse haberá que chamar ao IEM ao telefono 986 360 575, de luns a venres de 18:00 a 21:00, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O prezo para os socios é de 200 euros, mentres que os non socios deberán abonar 220 euros. O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro do mesmo, pernoita, dous almorzos, tres xantares, unha cea, as visitas e os guías. O suplemento por habituación individual é de 45 euros. O número de conta do IEM para facer o ingreso é ES95 2080 5035 0730 4001 4164.

Os ríos e regatos, que serviron como eixe artellador da paisaxe do noso país, que grazas ás beneficiosas e fértiles terras da súas ribeiras favoreceron o crecemento da poboación que aproveitou esta riqueza para experimentar diferentes tipos de cultivos, foron determinantes para que outras culturas se asentaran e se mesturaran coa poboación local. Diferentes pobos achegáronse a estas terras na procura de pastos, caza, auga, bosques con leña e un clima medianamente benigno. Os romanos, suevos e musulmáns (uns máis que outros) deixaron unha pegada nos costumes, na historia e na morfoloxía do territorio. Tamén os monxes deixaron unha forte pegada, coa fundación de igrexas e mosteiros que converteron a estas comarcas nun polo de atracción espiritual, turística e comercial para moreas de persoas ao longo dos séculos.

A xeira moverase case sempre por riba dos 700 m, incluso cerca dos 2000, nos cumes de Manzaneda. Os núcleos de poboación máis importantes sitúanse por baixo dos grandes cumes e por riba dos ríos e vales, nas bocarribeiras. Sempre cara ao sur, cara aos grandes ríos, o Sil por suposto, pero tamén cara ao Navea e ao Bibei. Os participantes toparanse con aldeas que aínda conservan esa arquitectura popular característica e tan ben aquelada para os rigores dun clima duro en moitos meses do ano: lousa, laxe, madeira de castiñeiro e carballo nas portas, ventás, escaleiras e sobrados… Vivendas acaroadas unhas coas outras, coma círculos concéntricos procurando calor e sentimento de achego e boa veciñanza.

Venres 12 (Ribeira Sacra)

Saída ás 8:00 desde o Pavillón de Deportes de Gondomar

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Sen dúbida é un dous máis importantes mosteiros Bieitos da Ribeira sacra. Segundo a tradición, San Martín Dumiense fundouno cando chegou a Galicia no s.VI, antes de que os suevos mudasen a capital á Braga. A Igrexa é románica de finais do século XII e comezos do s. XIII, con restauracións posteriores.

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, foi considerado inicialmente como un centro eremítico, transformándose posteriormente nun cenobio.

Aínda que non se conserva ningún vestixio arquitectónico ou epigráfico do edificio orixinal, a non ser algunha pedra reutilizada, quedan testemuños certos da presenza do mosteiro en época prerrománica, datando as primeiras referencias documentais de finais do século IX.

A igrexa do mosteiro, constitúe un magnífico expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia do labor escultórico dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica.

Xantar en Montederramo

Paseo xeolóxico polo Canón do río Mao e enterramentos antropomorfos de Barxacova (San Vítor)

É un lugar de singular beleza. O río Mao xurde da unión de dúas ramas (Altos do Rodicio e Serra de San Mamede). Paradoxalmente, nos seus nacentes desenvólvese dun xeito paseniño polas penichairas. Unha vez superadas a súa orografía, transfórmase e ten unhas pendentes superiores ó 7 por cento, onde serpentea polos canóns que vai formándoo seu paso.

A necrópole de Barxacova está situada a escasa distancia da embocadura do río Mao no río Sil, no que se supón se construíu a capela de San Vítor, aos seus pés. Con ocupación datada entre os séculos IX e XI, trátase dunha das maiores necrópoles rupestres de toda Galicia.

O paseo iníciase por un canal de principios do s. XX e levaraos por un percorrido onde apreciarán, entre outros, a xestación e o desenvolvemento dun macizo granítico, a formación do relevo, cos materiais que alí están depositados, e a influenza nas comunidades que alí se asentaron. No treito último do paseo apreciarán, dende a distancia, o deslizamento dunha ladeira e un meandro encaixado na rocha.

Mosteiro de San Paio de Abeleda

A súa datación é do redor do s. X, posiblemente de fundación familiar, sen integrarse, os seus moradores, en ningunha orde monástica importante, como as dos mosteiros veciños . Mestura estilo gótico co románico.

Castelo de Castro Caldelas

Ten una cubicación clásica de castelo rochedo, inexpugnable polo seu lado norte, onde domina cunhas vistas impresionantes o Val do Sil. Algúns autores defenden a data da construción do castelo no século XII. Sobre as portas, aparecen as armas da Casa de Lemos. A revolución Irmandiña derrubouno parcialmente, reconstruíndose no s. XVI.

Mirador da Ponte Navea

De orixe romana con arco medieval. É a vía que comunicaba Braga con Astorga e coincide coa división eclesiástica Astorga/Ourense. Xunto ó mesmo sitúase a Capela Templaria da Encarnación.

Cea en Trives (Hotel As Maceiras)

Pernoita en Trives

Sábado 13 (Comarca de Trives)

Centro de Interpretación Histórico Cultural Santa Leonor

Museo onde se pode apreciar a vida e as circunstancias que rodean a poboación das serras de montaña.

Dedica unha parte á memoria histórica da escola republicana e da ditadura e tamén ten unha parte dedicada a simbiose dos diferentes sentidos (vista, tacto e oído) cos diferentes elementos da vida na terra (fogo, aire, auga).

Ponte Bibei e Miliarios

Ponte romana da época traiana do s.II. Formaba parte da Vía XVIII ou Vía Nova, de Braga a Astorga.

Ruta dos Sequeiros (Morador da Pena, Pena Folenche)

Pequena ruta circular que rende homenaxe ós soutos de Castiñeiros e ao seu froito, así como ás persoas que traballaron e coidaron que esta forma de vida perdurara no tempo, e a súa relación coa natureza.

Xantar en Trives

Souto de Rozabales/Castiñeiro de Pumbariños

Neste souto atópanse exemplares de castiñeiros extremadamente lonxevos e de gran beleza. O “Castiñeiro de Pumbariños” árbore de gran singularidade supera os 500 anos. O seu perímetro excede os 12 metros, e é o maior castiñeiro de Galicia. Recollido no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

Pazo da Pena

O Pazo da Pena foi unha casa señorial cuxa orixe se remonta ao século XVI. Construído sobre unha pena xigante, motivo polo cal recibiu o seu nome, atópase na pequena aldea de Rozavales, pertencente a Manzaneda.

Casa da Mata (Lengullo)

Visita a esta casa tradicional do rural da montaña ourensá. Tradición, viñedo, queixería e gandería.

Mosteiro de S. Salvador de Sobrado de Trives

Fundado no 909. É un dos exemplos de arte románica máis singulares da provincia. Habitado por monxas Bieitas durante varios séculos, ata que desaparece como tal mosteiro no século XVI, pola reforma, e incorporado a San Paio de Antealtares.

Cea libre en Trives

Domingo 14 (Manzaneda)

Visita polo recinto e instalacións da estación invernal de Manzaneda

Pequena ruta dende Cabeza Grande de Manzaneda ata os serodios curros de montaña para ovino e caprino (Mormentelos e A Mosenda).

Durante o percorrido e dende esa atalaia (1.778 m) recoñecerán as montañas do Courel, Pena Trevinca, o canón do Sil, as faias do Navea e do Bibei e o restos do glacial de As Lamas.

Xantar en Celeiros (Chandrexa da Queixa)

Pobo de Requeixo

Pobo de montaña. Arquitectura tradicional. Alí viviu Paz Andrade no exilio.

Como noutras ocasións, e dependendo do tempo dispoñible, haberá algunha visita sorpresa a elementos relevantes do patrimonio material e natural.

Anuncios