Arrancan as Festas da Anunciada con Motores e Sherpa

Sherpa.

Este venres as Festas da Anunciada ofrecerán ás 23:00 horas os concertos dos grupos Motores e Sherpa “Ex Barón Rojo” no escenario instalado no Parque da Palma. Previamente, ás 20:30 horas, Cía Mundomandarina ofrecerá o seu espectáculo de maxia “Mi abuelo es mago” na Alameda Carabela Pinta.

Ao día seguinte e despois da tirada de lumes de luces de medianoite, será a quenda de Miguel Costas e Nacha Pop. Para o domingo, actuarán en directo a partir das 22:00 horas Amistades Peligrosas, dúo formado por Cristina del Valle e o baionés Marcos Rodríguez, Blas Cantó e a Orquestra Mondragón.

Máis actividades

O sábado 4 a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona a partir das 11:30 da mañá. Ás 12:30 haberá un pasarrúas polo caso antigo e concerto na Praza do Concello (13:00 horas) a cargo da Banda de Música de Baiona.

Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Igrexa de Santa María, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas” e a continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga “Nova Cubana” abre de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo 5. Ás 12:00 do mediodía haberá un pasarrúas da Escola de Danza Vila de Baiona, do grupo de pandereteiras “Monte Boi” e do grupo de gaitas “A Seneira” ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.

Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo de destrezas circenses e acrobacias H2OLGA “Una sustancia circense”, a cargo de Amontonados por Azar.

O luns 6 ás 11:00 da mañá celebrarase a Misa de “San Telmo” polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona, e pola noite, ás 23:00 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto de Gustavo Almeida e Banda.