Baiona recibiu máis de 400 barcos en tránsito durante o primeiro semestre do ano

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

O Monte Real Club de Iates de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións destas características, seguido do porto deportivo de Baiona e o de Combarro
Os portos de titularidade autonómica da comarca das Rías Baixas recibiron 1.714 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións naútico recreativas. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra.

O Monte Real Club de Yates de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 214 tránsitos; seguido do porto deportivo de Baiona, con 190 e a marina de Combarro, con 148. A nivel autonómico, Galicia recibiu nos primeiros seis meses do ano un total de 2.547 barcos en tránsito e o peirao máis visitado foi o de Muros, con 354 chegadas.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia experimentaron no primeiro semestre do ano unha suba dun 9% interanual.

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón tamén no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.