Anuncios
Ticker de novas

Xeira do IEM polo Camiño da Nosa Señora do Norte en Tomiño

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Tomiño, organiza este xoves 2 de agosto unha nova xeira de verán, e xa van seis. Nesta ocasión, o protagonista será o Camiño da Nosa Señora do Norte, dos Linares ao Mosteiro de Tomiño. A saída comezará ás 18.30 horas e o punto de encontro será a Igrexa de Santa María de Tomiño. Estarán presentes dous intérpretes de linguaxe de signos para persoas xordas. O arquitecto Antonio Soliño Troncoso será o encargado de guiar e explicar o recorrido. Trátase dunha actividade de balde. Prégase puntualidade e aconséllase que os asistentes leven roupa cómoda.

Nesta xeira darase continuidade á que se lle dedicou o ano pasado a Goián como punto de contacto deste camiño co territorio galego. Visitarase e comentaranse os detalles dun notable patrimonio artístico, etnográfico e histórico. Falarase de seculares sobre seculares formas de ordenación do territorio, arquitectura vernácula, sobre indianos brasileiros e as exóticas arquitecturas que promoveron nas terras de orixe. Os participantes transitarán por espectaculares espazos de arquitectura románica construídos por Mestres canteiros do século XII. Todo isto durante as aproximadamente tres horas que levará percorrer os 4,20 quilómetros.

O Camiño de Nosa Señora do Norte cara a Santiago sepárase do central en Barcelos (Portugal) e, tras pasar polos municipios de Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira, entra en Galicia por Goián. É en Redondela cando volve a enlazar co Camiño central para dirixirse cara a Santiago de Compostela.

Anuncios