Sheila Patricia, autora e intérprete galega ligada á palabra e a poesía, presenta este mércores 1 de agosto o seu primeiro traballo discográfico na Praza Victoria Cadaval de Sabarís ás 21:30 horas, un concerto incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2018 organizada pola Concellería de Cultura de Baiona.
A cantautora encádrase dentro do xénero world music cunha especial elegancia e sensibilidade; os seus sons adoptan unha tendencia jazz dentro da canción de autor dando cunha nova experiencia. O seu escenario móstranos diferentes climas que van desde a canción de autor, coas súas propias composicións, ata ao fado, boleros, folk galego, etc.
“El camino de los sueños”
“El camino de los sueños” é o primeiro traballo de Sheila Patricia. Gravado en Madrid en “PKO estudios”, un dos estudos máis prestixiosos de Europa, baixo a dirección musical do pianista Gabriel Peso.
Trátase dun disco gravado en rigoroso directo a piano, batería, guitarra e contrabaixo como base. Isto significa que soa a concerto e esta mesma, era a intención de Sheila e Gabriel á hora de facer un primeiro traballo da artista, que representase o rito do concerto real.

