Sin categoría

Piden a «urxente sinalización» do carril bici entre o Parque da Palma e Alférez Barreiro

Cidadáns denuncia o estado «inacabado» do carril bici que comunica o Parque da Palma coa rúa Alférez Barreiro, «un carril bici falto de sinalización vertical e horizontal», denuncia desde Cidadáns, a súa coordinadora no Val Miñor, Fabiola Cavalier. «As obras acometidas han finalizado sen prestarlle a debida atención á súa sinalización, sendo esta tan deficiente que está a xerar confusión entre viandantes e ciclistas, co agravante do aumento da poboación que nestes meses estivais pasea por esta zona, ao tratarse dun importante destino turístico», explicou a coordinadora de Cs.

«Esta falta de sinalización, debido a un traballo sen rematar, xera continuas disputas entre ciclistas e peóns confusos, e representa ademais un serio perigo para a seguridade dos habitantes e visitantes da vila», sinalou Fabiola Cavalier.

Por este motivo, Cidadáns Val Miñor solicita que o Concello de Baiona acometa labores de sinalización neste tramo de carril bici. «Son necesarias tanto sinais verticais como horizontais, cruces de calzada, etc., para garantir a seguridade de todos os seus habitantes e visitantes», concluíu a coordinadora de Cs.