Anuncios
Ticker de novas

Inscricións abertas para a XXXIV Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Saída da proba dos 10 km.

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza unha nova edición da tradicional Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”, sendo neste ano 2018 o seu 34 aniversario. A organización anima a todos os veciños e turistas a que participen na que é sen dúbida a festa do deporte para todos en Baiona.

A carreira, do mesmo xeito que estes últimos anos, cun percorrido xa tradicional e coñecido por todos os amantes do deporte, reúne no seu trazado o paso polas máis características rúas e o paso pola zona vella que fai da carreira de Baiona algo especial, sendo o perfil da mesma o que realmente fideliza aos deportistas co evento deportivo por excelencia.

A carreira comezará a partir das 10:00 horas do día 19 de agosto desde o Parque da Palma para os máis pequenos, repartidos nas seguintes categorías: 10:00 h Benxamíns (2009-2011), cunha distancia de 750 metros, 10:10 h Alevín Masculino (2006-2008), cunha distancia de 1.500 metros, 10:20 h Pre-benxamíns (2012-2013), cunha distancia de 400 metros, 10:30 h Chupetes (2014-2015), cunha distancia de 80 metros, e 10:45 h Alevín Feminino (2006-2008), cunha distancia de 1.500 metros.

A partir das 11:00 está previsto desde a entrada ao Parador Conde de Gondomar dar a saída á carreira de adultos (Categorías Infantil, Cadete, Júnior, Sénior A, Sénior B e Veteranos A, B e C), cun percorrido de 10 Km. Unha vez finalizada farase entrega dos trofeos e agasallos a todos os participantes.

Os servizos dos que dispón a carreira van desde o sistema informático para ofrecer tempos e clasificacións a todos os participantes, servizo de duchas no complexo deportivo do Aral e no Pavillón Municipal, e as atencións médicas de ambulancia, médicos e Protección Civil.

Para inscribirse e obter toda a información necesaria está dispoñible a web www.andarecorrer.com. O prazo para formalizar as inscricións finaliza o día 15 de agosto ás 24:00 horas. O custo da participación será de 5€ só para os participantes na carreira do 10km. Para participar nas carreiras dos máis pequenos a inscrición é gratuíta.

Os dorsais poderán recollerse no Pavillón de Deportes os días 17 e 18 de agosto de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas e o día da carreira de 8:00 a 11:00, tendo que presentar os corredores da carreira dos 10 km. o xustificante de pago. Para maior información dirixirse ao Pavillón de Deportes Municipal ou chamar ao teléfono 986 356 558.

Anuncios