Anuncios
Ticker de novas

A Parranda de San Pedro inicia a venda das súas camisetas

A Parranda de San Pedro de Vilariño, que este ano festexa o seu 101 aniversario, pon á venda as súas novas camisetas acompañadas de viseira por 9 euros. Poden adquirirse no bar Siglo XXI de Vilariño ou contactando no teléfono 627 904 058. Tamén se venderán o propio día 16 de agosto ao longo do traxecto entre Nigrán e Gondomar.

A Parranda de San Pedro partirá ás 9:00 da mañá desde A Ramallosa con destino á Capela de San Roque, en Morgadáns, acompañada todo o camiño por unha charanga. Todos os que completen a camiñada levando a camiseta poderán repoñer forzas cun anaco de empanada.

Aínda que non hai constancia exacta de cando se creou a Parranda de San Pedro, varios veciños coinciden no ano 1917. Desde entón, cada 16 de agosto centos de persoas reúnense para realizar a tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, en Gondomar, un percorrido duns 8 quilómetros que desde hai case un século realízase como mostra de fe a San Roque.

O que comezou como unha reunión de ao redor de 70 veciños, foi crecendo ano tras ano ata alcanzar cifras como a do 2017, cando preto de 1.000 romeiros partiron cara a Gondomar, cos maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión, converténdose ademais nunha tradición que pasa de pais a fillos.

Xa na vila condal ten lugar o encontro coa banda de música, para deseguido continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque, sempre acompañados da música verbeneira da charanga e a animación e alegría dos camiñantes.

Tras case tres horas de percorrido, a Parranda chega ao seu destino. Despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, repoñen forzas cun aperitivo para a continuación asistir á Misa Solemne e á procesión na honra de San Roque.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, as tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro dan paso á música, a comida, a charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle os seus bártulos e inicia a viaxe de volta cara Nigrán, para finalizar no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño, pensando sempre xa no próximo ano.

Anuncios