Anuncios
Ticker de novas

O PP de Gondomar denuncia o mal estado no que se atopa o Camiño de Vilarés en Vilaza

FOTO: PP GONDOMAR // Estado do Camiño de Vilarés.

O Partido Popular denuncia o mal estado no que se atopa o Camiño de Vilarés en Vilaza, ata o extremo de chegar a ser case intransitable. A falta total de mantemento do camiño fai que saian das fochancas que se producen polo paso dos coches, pedras do firme do camiño. Estas pedras, que se amorean polos costados do camiño, supoñen un grave risco por alcance para os usuarios da vía, xa que poden ser proxectados polo paso dos vehículos que circulan polo mesmo.

Neste senso xa se teñen manifestado os veciños e usuarios do camiño, sen que dende o concello se faga nada para reparar os estragos. A presidenta do Partido Popular de Gondomar faise eco das queixas destes veciños, pero afirma que “isto non é un problema só dos veciños deste barrio de Vilaza. Continuamente recibimos queixas dos veciños das parroquias que se laian do total abandono ao que están sometidos polo goberno municipal”.

Paula Bouzós quere recordarlle ao alcalde Paco Ferreira que Gondomar ten dez parroquias, e que todos os veciños teñen os mesmos dereitos independentemente de onde vivan. Ademais o insta que como veciño de Vilaza teña a ben de comprobar persoalmente o estado do camiño, para que poida darse conta de que as queixas dos veciños están fundamentadas.

Por todo isto, o Partido Popular de Gondomar esixe do goberno local que se faga unha actuación urxente de reparación do Camiño de Vilarés. Tamén lle pide que faga unha campaña de reparacións dos camiños municipais que supoñan un risco para os viandantes dos mesmos.

Anuncios