Anuncios
Ticker de novas

Nigrán contará este verán coa súa primeira brigada anti incendios

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A modificación de crédito saíu aprobada con nove votos a favor e oito abstencións.

Nigrán dotará ao municipio da primeira brigada anti incendios tras aprobar unha modificación de crédito por valor de 25.000 euros na sesión ordinaria do mes de xullo celebrada na tarde de onte. Desta maneira, o importe orixinariamente destinado ao pago de atrasos do servizo de recollida de lixo, permitirá formalizar con carácter urxente o convenio asinado coa Consellería do Medio Rural, e polo que a administración Autonómica poñerá encima da mesa outros 27.000. En total destinarán 52.000 euros para dotar á nova unidade de elementos e infraestrutura necesaria, así como catro peóns/condutores e un capataz, que entrarán en funcionamento este mesmo verán cun contrato a xornada completa de tres meses de duración e uns salarios de 1.608 e 1.712 euros, respectivamente.

A proposta exposta polo goberno local contou cos votos a favor de UCN, PSOE e BNG, ademais da abstención do resto da Corporación repartida entre ND e PP. A pesar de que a proposta saíu con nove votos a favor, a totalidade da oposición coincidiu en que a procedencia do importe necesario para formalizar o convenio non foi a máis adecuada, sobre todo e tendo en conta que hoxe se decidirá se os traballadores da concesionaria Cespa inician a folga, que en caso de ser afirmativa, entraría en vigor esta noite ás 23 horas e por tempo indefinido.

Desta maneira os 25.000 euros dispoñibles, que permitirán a creación da brigada, serán destinados á adquisición en réxime de aluguer dun todoterreo por valor de 3.000 euros, 10.000 en concepto de gastos de combustible e ferramenta, 2.000 para mantemento, 1.000 para formación dos efectivos, 4.000 para equipos de protección individual e 5.000 para máquinas varias. O novo cadro de persoal complementará aos dous enxeñeiros forestais contratados no pasado mes de xuño para elaborar un plan de actuación para velar polo cumprimento da lexislación relativa á limpeza e roza de leiras por parte de particulares, ademais de establecer as marxes de seguridade nas mesmas, que en moitas ocasións acaba correndo por conta das arcas municipais. Este punto foi visto por Cuevas como algo que podería rozar a temeridade en época de alto risco de incendios, xa que os traballadores non estarían en plenitude de facultades despois dunha xornada laboral “destas características”.

A modificación de crédito aprobada onte permitirá ao Concello estar prevido en materia de incendios e reforzará ao persoal de Grupo de Emerxencias Supramunicipal en tempada de alerta, co fin de que non se volva a repetir a situación vivida o pasado 15 de outubro e pola que dúas veciñas da parroquia de Chandebrito perderon a vida vítimas das chamas.

Anuncios