Atrasada a folga da recollida do lixo de Nigrán á espera da mediación

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Servizo de recollida de lixo en Nigrán.

O cadro de persoal da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán decidiu hoxe atrasar a folga indefinida prevista neste servizo a partir deste xoves 26 polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera do resultado da mediación que terá lugar o venres.

Foi o propio alcalde da localidade, Juan González, o que solicitou o atraso do paro na xuntanza celebrada esta mañá coa representación sindical despois de que empresa e traballadores/as achegasen posturas unha vez que a dirección amosouse disposta a aumentar a suba salarial até o 4% total nos tres anos de duración do novo convenio, aínda que existen diferenzas en canto ao pago da antigüidade. Deste xeito, o cadro de persoal optou por atrasar o comezo da folga ás 23:00 horas do venres no caso de que pola mañá non se chegue a un acordo coa mediación da Consellería de Traballo.

Anuncios