Anuncios
Ticker de novas

Gondomar convoca o II Concurso de Embelecemento de Fachadas, Balcóns ou Ventás

O Concello de Gondomar convoca o II Concurso de Embelecemento de Balcóns ou Ventás e Fachadas para o verán de 2018, que celebrarase dende o 16 até o 31 de agosto, co obxectivo de poñer en valor os beneficios estético-ambientais da recuperación dos balcóns e ventás como elementos vivos da Vila, porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha contribución cidadá á mellora estética dunha rúa ou dun edificio, á mellora da calidade ambiental e, sobre todo, á mellora da relación veciño/a-contorna urbana a través dunha persoal achega artística que podemos gozar todos e todas, tanto veciños/as como turistas.

Poderá participar no concurso toda persoa propietaria ou arrendataria de vivenda con balcón ou ventá que reúna as condicións necesarias para ser decorado, sen que a actividade decorativa supoña un perigo para a integridade da persoa mesma nin das persoas viandantes. Asemade, a ventá ou balcón e fachada obxecto de decoración deberá atoparse dentro do Casco Urbano de Gondomar. Facilitarase un distintivo (lazo azul con número) a cada participante, que deberá ser exhibido nun lugar visible en todos os balcóns/ventás e fachadas que participen. A data límite de inscrición será o día 14 de agosto.

DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO

Os elementos utilizados para a ornamentación dos balcóns e fachadas déixanse á libre elección dos veciños e das veciñas, pero sempre respectando as vías, as beirarrúas e as entradas ás vivendas doutros veciños/as. Deberá estar perfectamente amarrado á estrutura do balcón calquera elemento colgante que puidese precipitarse por efecto do vento, sen que a súa localización poña en risco a seguridade. En todo caso, a persoa responsable inscrita no concurso farase responsable de calquera accidente orixinado pola caída dalgún elemento ou parte deste á vía pública.

Os balcóns e fachadas terán que estar engalanados antes do día 16 de agosto e deberán permanecer adornados ata o día 31 do mesmo mes.

Darase a opción a votación popular, que supoñerá o 60% da valoración final de cada balcón participante. A votación popular estará aberta do 16 ao 31 de agosto. As votacións populares realizaranse mediante sistema telemático na páxina web do concello. Cada persoa interesada en votar poderá facelo unha única vez. Entre as persoas participantes na votación electrónica sortearase unha cesta de produtos ecolóxicos.

O premio ao mellor balcón ou ventá será unha cea para dúas persoas e o premio á mellor fachada será unha faixa de publicidade gratuíta durante 15 días nun xornal dixital nas datas elixidas polo gañador/a.

O Xurado cualificador e o xurado popular basearán o criterio da súa puntuación na orixinalidade e creatividade da composición, calidade ornamental, harmonía do conxunto, deseño, laboriosidade, perdurabilidade, uso de materiais reutilizados en accesorios e ornamenta non floral.

Anuncios