Oia celebra este fin de semana a Festa da Bicicleta e a VI Marcha Cicloturista

FOTO: CICLISMO OIENSE // Marcha Cicloturista de Oia.

O Concello de Oia, coa colaboración de Ciclismo Oiense, organiza este sábado día 21 de xullo a Festa da Bicicleta de Oia. Ás 17:30 horas terá lugar a saída desde o Mosteiro, para percorrer os ciclistas participantes 10 km semicháns, alcanzables a todas as idades. O percorrido será pola capela de San Sebastián e por parte do carril bici dirección A Guarda e regreso a Oia. Para participar é necesario o uso de casco protector así como seguir as instrucións dos organizadores para o bo desenvolvemento do paseo ciclista. Antes da saída entregarase a cada participante un dorsal para poñer na tixa do sillín. Ao finalizar o paseo a cada ciclista obsequiaráselle cunha gorra conmemorativa e co número do dorsal particípase no sorteo de 2 bicicletas, camisetas e diversos agasallos, tamén haberá un avituallamento líquido.

Xa no domingo, ás 9:00 da mañá, terá lugar a saída da VI Marcha Cicloturista de Oia, para percorrer 100 km polas estradas do Val Miñor e Baixo Miño, con subidas en tramo libre a Vilachán do Monte, por un tramo inédito en marchas cicloturistas como a “Costa do Chosco” con ramplas do 15 % e baixada por Burgueira ata o avituallamento de Loureza. O segundo tramo libre, a subida A Valga pasando por Torroña ata Cruz de Pau e baixar ata ao picadero de Mougás para reagrupar o pelotón de 200 ciclistas vindos de toda Galicia, outras comunidades autónomas e Portugal.

Paralelamente ao percorrido da marcha ciclista, ás 9:30 horas sairá a Andaina de 10 km, de dificultade media, polos barrios da costa de Oia e Pedornes para os acompañantes dos ciclistas e demais interesados. Non é necesario inscribirse e é gratis.

A partir das 14:30 horas haberá unha comida fin de marcha para finalizar coa entrega de recordos coa presenza do padriño da marcha, Marcos Serrano, e demais autoridades. Máis información en www.ciclismooiense.com.

Ciclismo Oiense participa na Subida á Groba

O sábado día 21 tres equipos do Club, 2 de estrada e 1 de BTT con 5 ciclistas cada equipo, participarán na X Subida Cicloturista A Groba, na que o equipo Ciclismo Oiense – CBM Team foi o vencedor da edición anterior.