Sin categoría

Inscricións abertas para participar nas cucañas marítimas e nos Xigantes e Cabezudos da Anunciada

O Concello de Baiona iniciou os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila: a Anunciada. Por este motivo a Concellería de Cultura informa de que, a partir do próximo luns, día 23 de xullo, e ata o 2 de agosto, estará aberto o período de inscricións para poder participar nas tradicionais cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcados dentro do programa Baiverán 2018.

As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada, que este ano coincide o día 5 de agosto, ás 17:00 horas, no porto pesqueiro. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización. Establécense dous premios: bandeira normal (10 euros) e bandeira especial (20 euros).

Por outra banda, tamén se abriu o prazo para inscribirse na comparsa de Xigantes e Cabezudos que desfilará polas rúas do Centro histórico o sábado 4 e domingo 5 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos.

A comparsa de Xigantes e Cabezudos estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, Popeye, Diaño, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e Pallaso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécense dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).

As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello. Para calquera dúbida ou consulta os interesados poderán dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Baiona, situado na segunda planta da Casa Consistorial, ou chamando ao 986 355 921.