Sin categoría

BMC Reformas, Obras y Rehabilitación elixe Porto do Molle para o seu proceso de expansión

O delegado de Zona Franca, David Regades, asinou hoxe co conselleiro delegado da empresa BMC Reformas, Obras y Rehabilitación, Cándido Cancelo, os contratos de arrendamento de tres naves en Porto do Molle e de 225 metros cadrados de oficinas, espazos que permitirán a esta empresa seguir mantendo a súa crecente actividade mentres non estea construído o seu novo centro loxístico e oficinas corporativas nas catro parcelas que recentemente adquiriron neste parque empresarial.

Sobre esas parcelas que suman unha superficie de 10.700 metros cadrados, Cándido Cancelo explicou ao delegado que pretenden construír un edificio emblemático para o desenvolvemento da actividade desta empresa cento por cento viguesa, que se dedica ao deseño, fabricación e montaxe de mobiliario e elementos de decoración para o sector comercial e hostalería e que está a experimentar un gran crecemento tanto nas vendas a clientes españois tales como Hoteis NH, Mango, Bimba y Lola, Brooks Brothers ou Burger King, como na súa expansión internacional en Estados Unidos e Canadá. David Regades felicitou ao conselleiro delegado e valorou moi positivamente o crecemento exponencial desta empresa que mantén colaboracións en I+D coas Universidades de Vigo e A Coruña.

Durante a firma tamén se comentou que o equipo técnico que se instala en Porto do Molle está a desenvolver importantes compoñentes de innovación a través da investigación en novos materiais para solucións de construción e decoración. Nesta dirección, o pasado ano desenvolveron unha liña de proxectos para os restaurantes de Burger King que lles permitiron que os homologasen como provedor a nivel mundial. Actualmente realizan o deseño de locais e mobiliario para diferentes marcas e é para o almacenamento desta produción para o que se alugou a Zona Franca tres naves en Porto do Molle que supoñen unha superficie de 2.240 metros cadrados e outros 225 metros de oficina no Centro de Negocios de Porto do Molle.