Nigrán executa as obras que permitirán completar o abastecemento de Parada e parte de Camos

O Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia iniciaron a comezos de mes as obras que permitirán levar o abastecemento de auga a boa parte da parroquia de Parada (barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda) e a parte baixa de Camos (Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos). En total, máis de 500 familias veranse beneficiadas desta actuación que ten un prazo de execución de 4 meses e que conta cun orzamento de 350.000 euros financiados integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello.

O proxecto de ampliación da rede de abastecemento pódese levar a cabo despois de que Augas de Galicia instalase unha canalización xeral que discorre ao longo de 2.500 metros desde o torreiro de As Angustias ata o Centro Cultural A Camoesa (PO-332, rúa dos Pazos) e que, aínda que non está operativa, posibilita agora conectar estas novas redes secundarias ás poboacións da zona. A nova canalización, de máis de 5.000 metros, realizarase con conexións directas á tubaxe xeral instalada na PO-332 e, ao mesmo tempo, será necesario instalar unha bomba de impulsión que permitirá elevar a auga á parte máis alta (Nandín).

«Este goberno ten un compromiso total e absoluto por ampliar a rede de abastecemento e de saneamento a todas as parroquias e por iso traballamos firmes nesa dirección; é algo moi demandado polos veciños e que hoxe en día é básico, máximo en tempos de seca como o ano pasado, cando moitas familias da zona quedaron sen auga do pozo e das traídas comunais», insiste Juan González, alcalde de Nigrán. Ademais, dáse a circunstancia de que nestas parroquias a necesidade de auga potable vese incrementada exponencialmente polo aumento de poboación nos últimos anos, coa previsión de que siga multiplicándose.

Abastecemento pola Carrasca

Por outra banda, o Concello de Nigrán e a concesionaria de abastecemento Aqualia concluíron hai máis dun mes as obras de abastecemento a Parada polo barrio da Carrasca, estando agora á espera de obter a autorización definitiva de Sanidade para poder iniciar o abastecemento. Esta outra ampliación financiada dende o Concello por 457.000 € tras a revogación unilateral da Xunta do convenio beneficia a preto de mil veciños residentes na contorna de Carrasca, Laxe, Tinde ou Igrexa.

“Con estas dúas obras, practicamente a totalidade da parroquia de Parada e parte da de Camos quedarían en disposición de poder ter aceso a abastecemento”, resume o rexedor.

2018-07-18 - IMG_5184