O Concello de Nigrán asume por terceiro ano consecutivo a organización da xa tradicional concentración de «artefactos flotantes» chamada «Flota como Poidas», que terá lugar o domingo 12 de agosto ás 17:30 horas ao carón da ponte da Ramallosa, no Río Miñor e esteiro de A Foz. Os interesados teñen ata o día 10 para inscribirse, ben na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e no Facebook do Concello e enviándoo a secretariap@nigran.org. O número máximo de artefactos participantes é de 15. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 16.00 a 16.30 horas. É obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante.
O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo Río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará o artefacto flotante máis currado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao «Titanic» da edición.
O “Flota como Poidas” coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades “Portobelo” organizada por Ovalmi e haberá tamén unha actuación musical en directo ás 20:00 horas. O obxectivo primordial é achegar aos veciños e visitantes ao mar, promovendo actividades que fomenten a afección pola cultura marítima e que os máis pequenos tomen conciencia da nosa cultura marítima ao tempo que se divirten.

