Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide fará un seguimento da execución da nova biblioteca

Este luns, o voceiro de Nigrán Decide, José Cuevas, asistiu como oínte á mesa de contratación onde se procedeu á apertura de ofertas para a construción da nova biblioteca de Nigrán. En dita mesa procedeuse á apertura e lectura de 13 ofertas, continuándose a tramitación da adxudicación por parte dos servizos administrativos do Concello.

“Hai que lembrar que o pleno é o órgano responsable da contratación da nova Biblioteca de Nigrán, polo que o noso grupo municipal, na liña de responsabilidade que mantemos durante este mandato, propuxo ao pleno a delegación da competencia no Alcalde para axilizar a súa tramitación”, sinala Cuevas.

Cómpre destacar que o grupo municipal de Nigrán Decide é un dos impulsores primeiros desta nova biblioteca, principalmente coa realización do estudo comparativo entre 47 bibliotecas de Galicia, que foi asumido polo goberno e pola corporación para deseñar a nova biblioteca de Nigrán, no que se determinaba que a nova biblioteca de Nigrán debería ter un tamaño mínimo de 1.100 metros cadrados e, como mínimo 150 postos de lectura, e que o novo deseño debe dar cabida a espazos como sala de estudo, de reunións ou de audiovisuais, polo que coa asunción polo Alcalde da proposta de Nigrán Decide, non cabía unha simple ampliación da actual biblioteca, debéndose construír unha nova.

Nigrán Decide fará un seguimento especial da execución da nova biblioteca de Nigrán, especialmente despois das irregularidades detectadas na execución da reforma do Pavillón de Deportes.

“Cómpre destacar que a obra de reforma e adecuación do Pavillón de Deportes, foi adxudicada en decembro do ano 2016, cun prazo de execución de 6 meses, estando na actualidade sen recepcionar, a pesar do cal estase utilizando habitualmente. Ademais neste contrato modificouse o proxecto realizado para aumentar o prezo”, sinala José Cuevas. “Este feito pon en dúbidas a capacidade do actual goberno de Nigrán para executar cabalmente unha obra da envergadura da nova biblioteca de Nigrán”, finaliza Cuevas.

Anuncios