Máis de 160 nadadores con idades comprendidas entre os 18 e 70 anos de 13 comunidades autónomas, Arxentina e Portugal participarán o próximo 8 de setembro na primeira proba da segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas. A travesía a nado disputarase entre as Illas Cíes e Baiona, con 15 km de percorrido. A saída estará situada na praia de Rodas e a chegada na praia de Ribeira, en Baiona.
Esta mañá tivo lugar a presentación da travesía a nado na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo coa asistencia da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; o director do Parque, José Antonio Fernández Bouzas; o director da zona Vigo Sur de Abanca, Javier Soto Garrido; a xefa de relacións externas de Coca-Cola en Galicia, María Troncoso; a directora da Editorial Belagua; Edurne Baines, e a directora da empresa organizadora Atlantic Extrem Sports, Beatriz Alvariño.
Na súa intervención, a directora da proba, Beatriz Alvariño, destacou o gran éxito de participación desta edición, na que se recibiron máis de 200 solicitudes e esgotáronse as 150 prazas dispoñibles en menos de 12 horas. A organización decidiu ampliar en 15 prazas máis e hai preto de 20 persoas na lista de espera. Alvariño sinalou que se superou a cifra alcanzada hai dous anos cando se celebrou esta mesma proba e na que participaron 125 nadadores.
Ademais, resaltou a dureza e a beleza do percorrido e o amplo dispositivo de seguridade que se despregará tanto en mar como en terra con embarcacións, kaiaks e pádel surf seguindo aos nadadores. “Modificamos o percorrido respecto ao do 2016 para que os participantes poidan gozar máis tempo nadando en augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia xa que atravesarán as tres illas do arquipélago das Cíes”.
Entre os participantes inscritos destaca o ourensán Alberto Taboada Vila, que foi o terceiro clasificado na primeira edición da Triple Corona Illas Atlánticas, e o catalán Sergio Torres, gañador da Batalla de Rande o pasado ano entre as Illas Cíes e San Simón de 27 km de percorrido.
O perfil medio do nadador é o dun experimentado deportista que está afeito nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km), e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes na travesía.
A Triple Corona Illas Atlánticas. 57km a nado (www.triplecoronaillasatlanticas.com) é unha competición con tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia –esta última unha das máis duras de España– que se disputan nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, entre 2018 e 2020. Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.
A primeira das tres probas, de 15 km, terá lugar o 8 de setembro entre as Illas Cíes e Baiona. A segunda, en 2019, terá como punto de partida a Illa de Sálvora e de chegada, O Grove, con 19 km de percorrido. A última, a máis longa con 23 km, arrancará da Illa de Ons e terminará en Combarro, pasando pola Illa de Tambo en 2020.
Na primeira edición, celebrada entre 2015 e 2017, 54 nadadores completaron as tres probas (Ons-Sanxenxo, Cíes-Baiona e Sálvora-Vilagarcía) e sumaron 57 km en tres anos, tres delas mulleres. O gañador da primeira edición foi o portugués Hugo Ribeiro, que investiu un tempo global de 12:31:22, e a madrileña Rebeca Santos, na categoría feminina, 13:47:36. Dos 54 nadadores que acabaron a primeira edición, 22 repiten na segunda.
Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa. No caso da edición de 2018, a organización fará unha homenaxe á Arribada da carabela A Pinta á praia baionesa de Ribeira con motivo do 525 aniversario da chegada de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes coa noticia do descubrimento de América en 1493.

Concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes das Cíes
Paralelamente á travesía entre as Illas Cíes e Baiona, está prevista unha serie de actividades como a visita guiada ás Cíes para os familiares e acompañantes dos nadadores, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais, durante a visita guiada, organizarase un concurso de fotografía, en colaboración co Parque Nacional, a editorial Belagua e a naviera Piratas de Nabia para escoller as tres mellores fotos das Cíes. O gañador recibirá o libro “Galicia: todo un mundo”, do fotógrafo vigués Ricardo Grobas. Este libro retrata en 240 páxinas cheas de espectaculares imaxes os máis singulares enclaves da nosa xeografía galega. Ademais, o gañador obterá dous billetes para ir ás Cíes e un pack de agasallos da Triple Corona Illas Atlánticas. Tamén se concederán premios ao segundo e terceiro clasificado, que consistirán en dous billetes ás Cíes.
Os participantes do concurso de fotografía poderán enviar entre 3 e 5 fotos antes do día 14 de setembro ao correo info@triplecoronaillasatlanticas.com. O xurado, composto polo director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, o fotógrafo Ricardo Grobas, a editorial Belagua e a organización, valorará a orixinalidade e a calidade das imaxes e elixirá aquelas tres fotografías que mellor representen ás Cíes.
Limpeza da praia de Rodas: “Mollámonos polo medio ambiente”
Baixo o lema “Mollámonos polo medio ambiente”, a organización poñerá en marcha diversas accións ambientais dirixidas a preservar os valores naturais e culturais das illas que integran o Parque, promover a conservación do medio mariño e concienciar e sensibilizar aos nadadores e visitantes das necesidades de protección do medio ambiente.
Entre as accións que se levarán a cabo atópase a limpeza da praia de Rodas, nas Illas Cíes, que consistirá na recollida de residuos tras finalizar a visita guiada. Trátase dunha acción ambiental organizada conxuntamente co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e Coca-Cola, dentro da súa campaña de concienciación sobre a importancia do mantemento e limpeza dos espazos naturais costeiros. Con esta iniciativa preténdese promover a responsabilidade, conservación e o respecto ao medio ambiente entre as persoas que visiten as Illas Cíes, tanto nenos como adultos. Este ano a travesía recibiu o selo de Evento con Bo Ambiente por parte de Coca-Cola.
Ademais durante a travesía a nado, colocaranse diversos cubos nos barcos de avituallamento para a recollida dos residuos (botellas de plástico, xeles, etc.) estando totalmente prohibido tiralos ao mar nese caso o nadador será descualificado.
Visita guiada a Baiona
Tamén, dentro das actividades paralelas previstas celebrarase unha visita guiada a Baiona, en colaboración coas concellerías de Cultura e Turismo deste Concello, na que os participantes poderán coñecer o centro histórico da vila e a carabela La Pinta, con motivo do 525 aniversario da súa chegada a Baiona.
A travesía a nado entre as Illas Cíes e Baiona conta co patrocinio da Consellerías de Medio Ambiente e Deporte, Abanca, Galicia Calidade, Head, Gadis, M+Q España, Hyupersa Vigo, Coca-Cola, o Concello de Baiona, a Deputación de Pontevedra e Arraianos Produccións. Ademais, colaboran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, o Monte Real Club de Yates de Baiona, Iberia, Frutas Sol, 226ERS, Puerto Deportivo de Baiona, Pesca-Cíes, Aceba, Carrefour Baiona, Nestlé, Universidad de Vigo, Comunica, Piratas de Nabia, Club Náutico de Canido, Protección Civil de Vigo e Val Miñor, Bombeiros de Vigo, Gardacostas de Galicia, Club Náutico de Panxón, Wetsports Ladeira, a editorial Belagua, Parador de Turismo de Baiona, Kailúa, Clubnatacion.com e Boyer Triathlon Vigo, entre outros.
A empresa galega Atlantic Extrem Sports e o club Tumetapersonal son os organizadores da coñecida Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán, que este ano reuniu en Praia América a preto de 500 nadadores.


