O Concello de Baiona informa nun bando que, en aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, os propietarios dos locais poderán realizar concertos nas súas terrazas durante os meses de xullo, agosto e setembro en horario de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas en acústico e previa solicitude no Rexistro Municipal do Concello e con firma dunha declaración responsable.
Respecto dos concertos no interior dos locais, nos que a súa licenza non se permita, existirá unha autorización extraordinaria, con motivo dun aniversario, festa local… Dita autorización tamén terá que ser solicitada por rexistro no Concello e xustificar o perfil extraordinario da celebración.
A partir de mañá os interesados terán á súa disposición no Rexistro Xeral do Concello de Baiona, situado na planta baixa do edificio, en horario de verán, meses de xullo e agosto, de 9:00 a 13:00, e o resto do ano de 9:00 a 14:00 horas.
Estas medidas serán de aplicación mentres non se redacte a correspondente ordenanza que regule este tipo de actividades no Concello de Baiona. Con todo e co cambio de normativa autonómica, desde o Concello de Baiona sinalan que ao pasar a ser reguladas polo Concello de Baiona os trámites para as solicitudes tramitaranse moito máis rápido do que se facía ata agora ao converterse nunha competencia municipal.
Máis información no Departamento de Cultura do Concello de Baiona, teléfono 986 385 921.

