Axentes da Unidade de Explosivos da Garda Civil de Pontevedra procederon á retirada dunha granada de orixe militar, que foi achada nun solar de Gondomar por dous veciños do municipio, na tarde noite do pasado sábado. En concreto o proxectil atopábase semisoterrado nunha parcela situada a escasos metros da urbanización Val Miñor. O artefacto corresponde a unha «granada transformada modelo 61» da década dos 60 e á que lle faltaba o segundo corpo de aletas, aínda que aparentemente estaba dotada do mecanismo de detonación operativo.
Ante o risco de explosión, os autores do achado, procederon a alertar ao corpo de Policía Local e ao Instituto Armado que se achegaron ao lugar dos feitos. Tras confirmar que podería estar cargada, unha unidade do Tédax acudiu á vila condal para proceder á súa retirada e a súa posterior detonación en Figueirido, aínda que finalmente non foi necesario xa que o obús atopábase inerte.
Os responsables do curioso descubrimento atopábanse na zona recollendo terra para levar a un xardín particular cando o obxecto quedou ao descuberto, tras inspeccionalo atopáronse co que nun primeiro momento parecía un proxectil de morteiro, aínda que fontes policiais confirmaron posteriormente que correspondía a un destinado a fusís. O seu bo estado de conservación apunta que se trata dunha peza de coleccionista e que por motivos que se descoñecen acabou enterrada no vertedoiro. Desde a Policía Local explicaron a este diario que se trataba dunha granada destinada a instrución, utilizada antigamente polas Forzas Armadas para levar a cabo o adestramento de soldados. A principal diferenza cunha tradicional está en que carecen de carga explosiva aínda que polo demais son completamente funcionais e destinábanse a prácticas de tiro. «A maneira de detectalas visualmente radica na unión da espoleta ou mecanismo detonador co corpo principal, unhas son dunha peza e as outras levan unha xunta», explicaron.
Este feito causou alarma entre o reducido grupo coñecedor do achado, aínda que pouco despois púidose saber que se trataba dunha peza descargada e todo quedou nun susto. Fontes do Tédax aclararon que este tipo de obxectos de guerra adoitan aparecer en faiados, tellados e derribas; non hai demasiado tempo atoparon varios exemplares similares na parroquia de Vincios, aínda que estes correspondían á Guerra Civil.
As granadas de fusil diferéncianse das tradicionais en que estas teñen maior alcance efectivo que as tiradas a man, hainas fragmentarias, antitanque, explosivas así como aturdidoras, fumíxenas, incendiarias ou bengalas. Lanzábanse en 45 graos e a partir da década dos 70 empezaron a substituírse por sistemas máis efectivos e de maior precisión.


